A rúa Rosalía de Castro cambiará por completo a súa fisonomía e incluirá zonas verdes e unha praza

91
  • O proxecto básico de reforma do segundo treito desta rúa ascende a preto de 1,8 millóns de euros
  • Terá un só carril de circulación, renovarase o mobiliario e o alumeado, reordenarase o acceso á Casa do Mar e crearase un novo aparcadoiro de borde debaixo da ponte da autoestrada

“A reforma do segundo treito da rúa Rosalía de Castro enmárcase dentro desa revolución que vai acontecer no barrio de Mollavao” asegurou esta mañá o concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, durante a presentación do proxecto básico da reforma. Dentro desa revolución, o concelleiro citou a obra do paseo peonil cara a Marín, actualmente en execución, e a construción do vial de conexión entre a rúa Rosalía de Castro e a avenida de Marín, que está en tramitación, así como “unha serie de tramitacións urbanísticas que lle van dar un novo porte a esta zona de Pontevedra”.

O orzamento do proxecto básico de reforma do segundo treito de Rosalía de Castro ascende a 1.792.586 euros e mudará o carácter de estrada deste vial para convertelo, en palabras de Demetrio Gómez “nunha rúa coas mesmas características de calidade urbana que no resto da cidade e, ademais, cun tratamento de rúa con prestancia e con forza”.

O concelleiro explicou que á hora de deseñar esta reforma “escollemos solucións que xa se utilizaron en zonas máis nobles da cidade”. Neste sentido salientou o tratamento de formigón que se lle dará ás novas beirarrúas, e que será similar ao utilizado na rúa Arzobispo Malvar ou na zona da ponte do Burgo que conecta coa avenida da Coruña. Demetrio Gómez explicou que se trata dun tratamento que funciona ben en relación co asfalto que levará o único carril da rúa, e que será un carril de circulación de saída da cidade. Ademais, tamén está prevista a renovación completa de todo o alumeado e do mobiliario, e a creación de dúas áreas de estancia que cortarán a zona máis ampla de paso do vial. A primeira área de estancia ubicarase diante do colexio Salvador Moreno, dándolle protagonismo ás entradas e saídas do alumnado fronte á circulación rodada. A segunda será a creación dunha praza, cunha pequena zona verde, no entronque da rúa Rosalía de Castro coas rúas Licenciado Molina e Benito Vicetto, onde desaparecerá o carril de circulación e todo o pavimento será de granito. Ademais, dentro deste proxecto de reforma inclúese a reordenación da rúa Simón Bolívar ata a Casa do Mar. Por último, tamén está previsto un tratamento específico para a zona situada debaixo da autoestrada, onde a área máis próxima a Rosalía de Castro se convertirá nunha zona verde que desembocará nun novo aparcadoiro de borde, situado onde está actualmente o parque de educación vial.

As obras de reforma desta rúa non poderán executarse ata que rematen as do novo vial que conectará Rosalía de Castro coa avenida de Marín, polo que a intención do departamento de Obras Urbanas é avanzar todo o posible na licitación para “poder comezar a executala ao día seguinte de rematar o novo vial”.