O Concello esíxelle a Audasa que manteña a ponte da autoestrada en perfectas condicións

8

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, informou esta mañá que despois de que o Concello se puxese en contacto con Audasa por mor da caída de cascotes da ponte da autoestrada “Audasa contesta que non ten constancia desa caída pero que están preparando a reparación dese borde e calculan que neste verán estarán traballando nesa zona”.

Demetrio Gómez asegurou que desde o Concello “esperamos que eses traballos sexan a tempo e continuaremos atentos a calquera problema que poida xurdir e para esixirlle a Audasa e a Fomento que esta instalación estea en perfectas condicións e que non sexa un perigo para as veciñas e para os veciños desta cidade”.

Convén lembrar que fai dous días, os inspectores municipais visitaron a zona de Mollavao, baixo a ponte da autoestrada para facer unha inspección do taboleiro da AP-9 ao paso por este barrio da cidade, e respondendo ás queixas veciñais que alertaban da caída de cascotes. Na visita detectaron as deficiencias que se puxeron en coñecemento de Audasa co obxecto de demandar as reparacións necesarias e tamén a seguridade das persoas e dos bens.