A ofensiva de Iván Puentes contra os residuos sólidos urbanos esténdese ás bicis abandonadas

25
  • O edil de Desenvolvemento Sostible asina seis novos requirimentos de retirada de vehículos (11 no que vai de ano), cinco deles relativos a bicicletas abandonadas na rúa Joaquín Costa

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, prosegue a dar pasos firmes na ofensiva que iniciou o ano pasado para sacar das vías públicas os vehículos abandonados nas rúas de Pontevedra e proceder ao seu tratamento como residuos sólidos urbanos. Neste final de mes, o edil socialista acaba de asinar outros seis novos requirimentos de retirada de vehículos, co que xa van 11 no que vai de ano (en 2020 tramitáronse 80 expedientes). Destes últimos requirimentos incoados, un correspóndense cun coche de marca Ford Mondeo en estado de abandono á altura do número 18 da rúa Martín Códax e os restantes con cinco bicicletas estacionadas todas elas na mesma rúa, Joaquín Costa, fronte ao CEIP Álvarez Limeses.

En concreto, trátase dunha bici marca Monty de cor branca, unha Atak azul, unha America Bike vermella e outras dúas sen marca coñecida de cores azul con pegatinas e verde, vermella e branca, respectivamente. Tal e como indica Iván Puentes, a diferencia dos coches, “as bicicletas teñen un número de serie que as identifica, habitualmente nos pedais, pero non hai un rexistro oficial que informe do propietario dese número nin documentos de propiedade de ningún tipo, polo que resulta case imposible localizar aos seus donos para que as retiren ou averiguar por que foron abandonadas”.

Non obstante, no expediente asinado por Puentes, faise constar que “resultando descoñecidos os titulares das bicicletas referenciadas e non sendo posible practicar as notificacións… Ponse de manifesto, mediante o presente anuncio, que as bicicletas que se especifican atópanse atadas aos aros existentes na rúa Joaquín Costa (o aparcadoiro fronte ao CEIP Álvarez Limeses) con claros síntomas de abandono”. “Os propietarios -continúa- deberán comparecer nun prazo de 15 días hábiles, contados dende o seguinte ao da publicación do presente anuncio no Boletín Oficial do Estado, en horario de atención ao público (de 9:00 a 13:30 horas, de luns a venres), no Servizo de Disciplina Urbanística, Medio Ambiental e Policía Administrativa do Concello de Pontevedra (situado no número 28, baixo, da rúa Herreros), a efectos de practicarlles a notificación do acto de obtención do Certificado de Destrución emitido por un centro autorizado de tratamento”.

Tamén se lles advirte aos interesados que, de non comparecer no citado prazo de tempo, a notificación entenderase como producida a tódolos efectos legais dende o día seguinte ao do vencemento do prazo sinalado para comparecer.

Non se trata dun caso illado

Por que hai tantas bicicletas abandonadas nun mesmo aparcadoiro? Segundo constata Iván Puentes, “a pesar de que pode resultar un tanto chamativo ou misterioso, non se trata dun caso illado”, e xa se teñen detectado con anterioridade comportamentos semellantes noutros aparcabicis da cidade, como no existente nas inmediacións da estación de autobuses. “Os motivos que poden levar a unha persoa a deixar unha bicicleta ‘tirada’ nun aparcadoiro poden ser diversos, pero hai dous fundamentais: normalmente se debe a que a bicicleta se estragou, o seu propietario mercou outra e deixou a vella alí, xa que lle resultou máis cómodo que levala ao Punto Limpo ou chamar a Cespa para que lla recollesen; pero tamén se poden tratar de bicis roubadas co obxectivo de revendelas, que é para o que se soe roubar unha bici. Ao non conseguilo, optan por abandonala alí de xeito anónimo para non os identifiquen se hai unha denuncia do roubo”, sinala o concelleiro do PSOE.

Puentes asegura que “ao igual que acontece cos coches, o máis complexo desta ofensiva para evitar os ‘cemiterios’ de bicis está na tediosa tramitación administrativa de identificación e notificación aos propietarios, neste caso coa complicación engadida de non dispoñer dunha matrícula asociada a un propietario e de ter que botar man do BOE para publicitar o anuncio”.