Igualdade celebra o Día da Muller e da Nena na Ciencia con dúas mesas redondas online sobre a investigación e o STEMbach en tempos de Covid

24
  • Os foros de debate, presentados hoxe pola edil Yoya Blanco, terán lugar os días 10 e 11 de febreiro ás 20:00 horas e contarán con recoñecidas doutoras universitarias, mestras e investigadoras
  • O primeiro dos coloquios analizará o impacto da Covid-19 no traballo das investigadoras e o segundo como ten afectado a pandemia ao Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía 

Co obxectivo de conmemorar o 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, a Concellería de Igualdade desenvolverá, en colaboración co portal de divulgación científica Gciencia, dúas mesas redondas online que porán o foco en dúas temáticas de absoluta actualidade: unha analizará o impacto que tivo e ten a Covid-19 no traballo que realizan as investigadoras e a outra como afecta a pandemia ao Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach), impulsor das vocacións nestes ámbitos con perspectiva de xénero. O primeiro dos foros de debate, que leva por título ‘Investigar en Pandemia’, terá lugar o mércores 10 de febreiro, e o segundo, baixo o epígrafe de ‘STEMbach en tempos da Covid’, o xoves 11 de febreiro. Ambos emitiranse a partir das 20:00 horas a través das canles de Youtube de GCiencia e do Concello de Pontevedra.

O programa conmemorativo foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco; a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos; a axente de Igualdade do CIM Mercedes Renda, e a xornalista Begoña Márquez, que será a encargada de moderar os coloquios. A edil socialista subliñou o feito de que “as temáticas elixidas, que non podían pasar por alto a realidade que estamos a vivir coa pandemia, servirán para reivindicar máis que nunca non só a importancia da investigación para a nosa sociedade, senón tamén o papel esencial que están a xogar as mulleres científicas na investigación do virus e no desenvolvemento de vacinas”. “A investigación en feminino -asegurou Blanco- está a reclamar o seu lugar nesta pandemia e este momento tan complicado é unha oportunidade para poñer o foco sobre esas científicas valentes que nos están a salvar literalmente a vida”.

A concelleira do PSOE amosouse “orgullosa de que as mesas redondas poidan contar con científicas, doutoras universitarias, investigadoras e mestras de primeiro nivel”. Así, segundo avanzou Begoña Márquez, no coloquio sobre ‘Investigar en Pandemia’ estarán como convidadas Elena Cartea González, doutora en Bioloxía pola USC e directora da Misión Biolóxica de Galicia; Inés Viana González, investigadora do Instituto Español de Oceanografía; Susana Cid Fernández, doutora en Neurociencia e Psicoloxía Clínica pola USC; e Águeda Gómez Suárez, doutora en Socioloxía e coautora do informe ‘Xénero e investigación científica na Universidade de Vigo en tempos da Covid-19’, que recolle, dun xeito cuantitativo e cualitativo, as consecuencias da pandemia no traballo científico.

Un único centro con Bacharelato STEMbach na cidade

A mesa titulada ‘STEMbach en tempos da Covid’ contará con Esther Padín Vidal, profesora de Matemáticas do IES A Xunqueira II, coordinadora do Bacharelato STEM neste centro e titora de varios proxectos de investigación dirixidos desde as universidades de Vigo e Santiago, así como colaboradora en diferentes iniciativas de innovación (Club de Ciencia, Espazos Maker, Semgal ou o proxecto Erasmus+ ATS STEM); Ángela Soto Lamas, alumna de 1º de Bacharelato STEM no IES A Xunqueira II que investiga coa facultade de Bioloxía no proxecto ‘Análise bioinformático dun xenon bacteriano; Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado da UVigo, e as voceiras do CIM, Rosa Campos e Mercedes Renda, que abordarán a influencia que teñen os roles de xénero na elección das carreiras universitarias.

Begoña Márquez lembrou que, nestes momentos, hai 38 centros galegos que imparten o Bacharelato de Excelencia en Ciencia e Tecnoloxía, “11 deles na provincia de Pontevedra e tan só un, o IES A Xunqueira II, na nosa cidade”. En opinión da concelleira Yoya Blanco, o STEMbach (https://www.uvigo.gal/es/ven-uvigo/centros-secundaria/stembach) “xoga un importante papel no eido da investigación e o xénero, ao brindar ás nenas que teñan a vontade de facelo a oportunidade de formarse e desenvolver proxectos científicos e investigadores, o que supón un paso adiante cara a un futuro en igualdade”.

Pola súa banda, Rosa Campos salientou que “non só hai un menor número de mulleres na ciencia”, senón que as que están nese mundo “son totalmente invisibilizadas” a pesar de ser as autoras “da metade dos traballos de referencia que temos son realizados por mulleres”. Nai dunha investigadora, a directora do CIM amósase partidaria de modificar o actual sistema de nomenclatura dos traballos científicos co obxectivo de que as mulleres sexan recoñecidas como algo máis que “apelidos”.

Mercedes Renda afirmou que os roles de xénero e a súa influencia na elección das carreiras supoñen “a primeira fenda que temos que superar”, xa que posteriormente se vai manifestar noutras fendas como a salarial. “Traballar en igualdade -aseverou- é previr a violencia do futuro”.

En base ao informe sobre ‘Xénero e investigación científica na Universidade de Vigo en tempos da Covid-19’ elaborado pola doutora Águeda Gómez, a revisión e produción de artigos científicos mantívose para os homes nun 75%, mentres que, no caso das mulleres, viuse minguado nun 58,6%.

Achégase currículo das científicas participantes na primeira das mesas:

  • Elena Cartea (https://www.mastergenomicaygenetica.com/maria-elena-cartea-gonzalez) 
  • Susana Diz: doutora en Neurociencia e Psicoloxía Clínica pola USC, é especialista en envellecemento cognitivo e deterioración cognitiva leve. Estivo dous anos no Laboratorio de Neurofisioloxía San Giovanni di Dio de Brescia (Italia), onde profundou no coñecemento da estimulación transcraneal. Na actualidade está centrada no estudo dos cambios cognitivos e condutuais vencellados ao envellecemento e a restauración de funcións cognitivas en adultos sans e con danos cognitivos.
  • Inés Viana: traballa no Centro Oceanográfico de A Coruña (IEO), no marco dunha axuda Juan de la Cierva-Incorporación. Centra o seu traballo en estudos de ecoloxía mariña, en concreto no efecto do incremento de nutrientes e o cambio global sobre os organismos mariños. Con anterioridade traballou nas universidades de Santiago de Compostela e Vigo e en centros de investigación internacionais en Alemaña, Estados Unidos e Portugal. Dende hai tres anos, ademais de científica, é nai. 
  • Águeda Gómez: profesora titular na área de Socioloxía na Universidade de Vigo. Doutora en Socioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e licenciada en Socioloxía pola Universidad Complutense de Madrid, desenvolve o seu labor de investigación en temas relacionados con xénero, etnicidade, acción colectiva en América Latina, prostitución e masculinidades. Dirixiu 18 investigacións e publicou libros monográficos, doce capítulos de libros e artigos científicos, como ‘La pedagogía de la crueldad en el relato putero’ (2020), ‘Etnosexualidad e identidades de género transbinarias’ (2020), ‘El putero español: quiénes son y qué buscan los clientes de prostitución’ (2015) ou ‘Culturas sexuales indígenas’ (2010). Na actualidade é a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.