O barrio da Parda contará cun novo edificio de 48 vivendas

29
  • Está situado na unidade de actuación 13 e constata a tendencia de crecemento de licenzas de construción nese barrio 

A Xunta de Goberno local deu conta da concesión de licenza urbanística para a construción dun novo edificio de vivendas no barrio da Parda, concretamente na unidade de actuación 13. Trátase dun edificio de 48 vivendas e que conta cun orzamento de execución material de 3,7 millóns de euros. A licenza urbanística ascende a 37.524 euros e a entidade mercantil solicitante é Abeleira Inversiones SL.

Desde licenza deu conta a portavoz do Goberno, Anabel Gulías quen asegurou que se “trata dunha boa noticia posto que se sigue reactivando este barrio que nos últimos anos xa vén experimentando un crecemento notable”. Neste sentido, lembrou que “durante o último período vimos detectando un interese e un crecemento das licenzas de construción e este novo edificio súmase a esta tendencia”. Por último tamén valorou como “moi positiva que a actividade privada se active, sobre todo nun sector que é fundamental para Pontevedra como é o sector da construción”.