O taller audiovisual amateur Pontevedra Rodando regresa en versión online a partir do 15 de febreiro

26
  • O programa impulsado pola Concellería de Promoción Económica e a Pontevedra Film Comission e en colaboración con Volvemos a Primera, abrirá o prazo de inscrición o xoves 4 de febreiro
  •  O obradoiro abordará as diferentes fases do proceso creativo e técnico para levar a cabo a rodaxe de unha pequena peza audiovisual e desenvolverase nun total de 6 sesións de 2 horas de duración

O taller audiovisual amateur Pontevedra Rodando, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a Pontevedra Film Comission en colaboración coa produtora Volvemos a Primera, desenvolverá a súa 4ª edición nun formato 100% online entre os días 15 de febreiro e 7 de marzo. O obradoiro, que achegará a oportunidade de adquirir coñecementos sobre as diferentes fases do proceso creativo e técnico necesarias para producir unha pequena peza audiovisual a través de 6 sesións de 2 horas de duración, abrirá o seu prazo de inscrición entre os días 4 e 14 de febreiro.

O curso terá un limite máximo de 24 prazas (haberá unha quenda de mañá para 12 persoas e unha de tarde para outras 12) e achegará aos alumn@s ao mundo da creación audiovisual adaptada a tempos de pandemia. A iniciativa, coordinada polo realizador Pablo Cacheda, traducirase nun proxecto audiovisual colaborativo creado polos propios estudantes e que será presentado uns meses despois da finalización do curso. Para a súa realización será necesario contar con Zoom e tamén se considera conveniente dispoñer dun dispositivo de gravación (ben sexa unha cámara ou un móbil).

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, convida a “tódolos pontevedreses que teñan a ‘espiniña’ de coverterse en produtores e realizadores de cinema a participar neste taller que, ademais de resultar completamente de balde, potenciará a imaxinación e as inquietudes audiovisuais”.

Tal e como indica a edil socialista, “aínda que o curso é de balde, será necesario reservar praza antes do 14 de febreiro a través do email volvemosaprimeraproducciones@gmail.com, achegando nome e apelidos, DNI, idade, teléfono e email de contacto”. Haberá dúas posibles quendas (martes e xoves de 10:00 a 14:00 horas ou martes e xoves de 20:00 a 22:00 horas) e será preciso decantarse por unha delas para compoñer os grupos, polo que no email tamén se indicará a preferencia de horario.

“As clases quedarán gravadas, polo que será posible acceder a elas posteriormente no caso de que fallen as conexións, pero unicamente estarán dispoñibles para os alumnos. Terán preferencia á hora de inscribirse no curso aqueles que non teñan participado en anteriores edicións. En caso de que non se completen as prazas, os antigos alumnos apuntarase por orde de chegada de solicitude ao email”, explica Yoya Blanco.

Poden obter máis información sobre o taller no seguinte enlace: