‘Mollavao Si’ coñece o proxecto de reforma do segundo treito da rúa Rosalía de Castro

72

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, e o presidente de ‘Mollavao Si’, Juan Saenz-Diez Malvar, mantiveron onte unha xuntanza en liña para poñer en común os principais aspectos do proxecto básico de reforma do segundo treiro da rúa Rosalía de Castro. Convén lembrar que con este proxecto esta rúa pasará a ter un só carril de circulación, incluirá zonas verdes e unha praza, renovarase o mobiliario e o alumeado, reordenarase o acceso á Casa do Mar e crearase un novo aparcadoiro de borde debaixo da ponte da autoestrada.

Na reunión, que se desenvolveu nun ambiente de cordialidade, desde ‘Mollavao Si’ trasladaron algunhas achegas ao proxecto relativas a mellorar a accesibilidade na zona situada debaixo da autoestrada. Neste sentido, solicitaron que a zona verde prevista nese punto se eleve ata o nivel da rúa Rosalía de Castro e que na marxe de enfronte se amplíe a largura das beirarrúas cubrindo o regato que hai a carón. A este respecto, Demetrio Gómez recolleu a suxestión, que será estudada polos técnicos municipais.

Doutra banda, Juan Saenz-Diez Malvar tamén solicitou que se inclúa neste proxecto a reforma de todas as rúas perpendiculares a Rosalía de Castro. Neste apartado, o concelleiro de Obras lembroulles que xa está prevista a reordenación da rúa Simón Bolívar ata a Casa do Mar e que neste proxecto, en principio, non se contemplan actuacións adicionais.