O Local de Música volve adaptar a súa oferta de formación e mentorización á situación sanitaria

19
  • Ofrece nove accións, entre as que se incorporan xornadas de difusión sobre programas da UE e un informe sobre o estado da música en Pontevedra 
  • Durante o período de restricións as accións realizaranse en liña e manteranse de xeito virtual ata que a situación sanitaria o aconselle 

O Local de Música, o proxecto formativo e de mentorización para mozos e mozas de Pontevedra da Concellaría de Xuventude, xestionada por Alberto Oubiña, presenta para o exercicio 2021 un programa de nove accións, que inclúen a adaptación virtual para os períodos de restricións derivados da situación sanitaria. 

Neste momento o Local de Música ten implementados os adecuados protocolos de seguridade para a asistencia ao centro para cando as condicións sexan seguras, máis xa ten un traballo realizado para avanzar cara unha realidade onde a vida dixital se integre coa presencial e se desenvolva con normalidade. Así, mentres se manteñan as actuais restricións, as actividades realizaranse en liña e o horario de atención será de luns a venres de 10h a 14h e de 16h a 20h.

As actividades programadas inclúen a realización dun informe sobre o estado da música en Pontevedra, os programas Local Online (v2), MusicLAB e LP3, o Congreso Z, o Proxecto Europa, Proxecto Youtube, Proxecto Twitch e o Proxecto Spotify.

Informe do estado da música en Pontevedra
Iniciarase unha ronda de entrevistas con diferentes axentes da industria musical da cidade para analizar a situación actual e as posibles saídas para o escenario post-covid. Estas entrevistas retransmitiranse na nova canle de Twich do Local, extraeranse partes das entrevistas para xerar contidos estables na canle de Youtube e elaborarase un informe coas principais ideas e conclusións. 

Local Online (v2) 

Continuando coa estratexia deseñada no confinamento de 2020, establécese un programa de comunicación e participación en redes sociais con diferentes iniciativas: 

  • Calendly. Sistema de citas virtuais cos profesionais do local, que xa se poden reservar directamente desde o espazo privado de usuarias do Local de Música. 
  • Aula Virtual (v2). Estase a traballar na mellora da experiencia de uso
    (UX) da plataforma. Incorporaranse novos cursos e traballarase na difusión da
    mesma.
  • Historia da música. Continuarase coa colaboración cos grupos de música de Pontevedra para a difusión das diferentes bandas que xurdiron na cidade. Así mesmo, ofertarase contido multimedia sobre artistas que son parte da historia da música. 
  • Concurso. Buscarase un novo desafío como o creado “Imos Buscar Ao Mellor Grupo Da Historia De Pontevedra”, no que participaron centos de persoas na anterior edición. 

LP3
O proxecto de profesionalización do Local vencellado a un itinerario formativo (LP1 e LP2) executarase no primeiro semestre do ano.
LP3 consiste na mentorización (en liña) de grupos de música de Pontevedra para axudarlles a trazar unha estratexia de mercado. O obxectivo é sacar adiante un traballo de gravación que lles facilite a entrada ao mercado. Constará de tres momentos: o plan de preproducción, formación (con contidos da aula virtual e sesións síncronas) e a gravación de temas propios. Para complementar o proceso, e tamén na liña de profesionalización, incorporarase a un alumno (de Pontevedra) en prácticas da Escola de Audiovisuais de Vigo para facer labores de apoio na produción técnica das gravacións. 

Congreso Z
A nova xeración que está a usar o local naceu despois do 2005: a chamada “xeración Z”. Para escoitalos e comprender o seu punto de vista sobre como ven o mundo, deseñarase un “congreso” virtual que se retransmitirá en directo desde Twitch e onde se convidará a xente moza a falar sobre diferentes temas. Esta iniciativa conectarase coas diferentes accións que se desenvolven desde o Departamento de Xuventude. 

Proxecto Europa
No proxecto do Local de Música establecíase a posibilidade de iniciar un intercambio con salas de concertos de Portugal. Ante a imposibilidade de coñecer a viabilidade desta iniciativa a curto prazo, transformarase o proxecto nunhas xornadas de difusión sobre os diferentes programas da Unión Europea dirixidos á xente moza (destacando i- Portunus).

Proxecto Youtube
A iniciativa de avanzar na comunicación e interacción co Local de Música fixo que se traballara intensamente na creación de contidos dixitais non efémeros. Nesta fase, seguirase a crear contidos de calidade para alimentar esta plataforma e continuar coa construción das narrativas dixitais do Local. 

Proxecto Twitch 

A que está a ser a gran revolución das redes sociais para a xente moza, onde se fan retransmisións en directo, será a plataforma na que máis se centrará o Local de Música. Desde Twitch faranse os directos e retansmisións en streaming e buscarase a implicación activa de xente moza para a realización desta iniciativa. 

Proxecto Spotify
Como xa se avanzou no Nadal, no novo canal de Spotify seguirase convidando a diferentes persoas de Pontevedra a crear listas de reproducción coas súas seleccións. Esta iniciativa pretende dar visibilidade aos diferentes proxectos e axentes clave da cidade conectados coa música e tender liñas de diálogo e colaboración. 

MusicLAB 

Tal e como estaba previsto no proxecto, continúase coas propostas referidas ao uso da tecnoloxía na música. Neste proxecto achéganse novas ideas e propostas para o uso de solucións tecnolóxicas para os grupos de música desde diferentes planos (ferramentas de xestión, de edición, música electrónica, etc.).