Yoya Blanco convida aos #PonteLovers a namorarse do comercio local por San Valentín

617
  • A concelleira de Promoción Económica pon en marcha a campaña ‘In Love co Comercio Local’, que encherá a cidade “de amor e de corazóns” e que sorteará 30 premios de 100 euros
  • Estará activa entre os días 6 de febreiro e 10 de marzo, coa participación duns 450 establecementos. Blanco anima á cidadanía a “facer compras online a través do marketplace E-Ponte.com” 

O romanticismo e o espírito de San Valentín prevalecerán na nosa cidade a pesar da pandemia grazas á campaña da ‘In Love co Comercio Local’, coa que a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e a plataforma #PonteLovers pretenden encher un ano máis Pontevedra “de amor e de corazóns” co gallo do 14 de febreiro. A edil socialista convida a tódolos cidadáns “a amosar o seu amor por un comercio local que os precisa máis que nunca e que, ao tempo que teñen un detalliño coas súas parellas e seres queridos, tamén aproveiten para telo cos pequenos negocios dos seus barrios”.

A campaña, posta en marcha en colaboración coa firma Pontevedra Digital, traducirase na entrega de dous corazóns troquelados de 25 centímetros e un Cupido de 55×41 centímetros entre tendas e comercios situados a pé de rúa (quedan excluídos grandes cadeas e supermercados). Asemade, elaboráronse unhas bases que se distribuirán entre os establecementos para que poidan desenvolver a súa imaxinación e crear o escaparate máis atractivo posible.

Tal e como asegurou esta mañá Yoya Blanco durante o acto de presentación da iniciativa, no que estivo acompañado pola coordinadora da mesma, Marga Caeiro, “o principal obxectivo deste proxecto é celebrar o Día dos Namorados vestindo de amor os escaparates da cidade e fomentando as compras no pequeno comercio”. “A campaña, que permanecerá activa entre os días 6 de febreiro e 10 de marzo coa finalidade de prolongar esta axuda aos comerciantes neste momento de restricións, inclúe o sorteo de 30 premios de 100 euros para gastar nos establecementos participantes. Os cidadáns só teñen que buscar a cartelería identificativa e, por cada compra que efectúen, terán ocasión de deixar rexistrados os seus datos persoais e tomar parte no sorteo que se celebrará o luns 15 de marzo. Os premios poderán trocarse entre os días 16 e 30 de marzo”, explicou a concelleira socialista.

Blanco indicou que ‘In Love co Comercio Local’ conta cuns 450 negocios adheridos, entre os que, ademais dos 900 corazóns de 25 centímetros e os 450 cupidos de 55×41 centímetros, tamén se distribuirán talonarios con 75 tíckets de participación no sorteo (subministraranse un total de 33.750 tíckets). A edil de Promoción Económica instou aos #PonteLovers a que, nesta delicada situación sanitaria, “actúen con responsabilidade, cumpran coas restricións eviten aglomeracións e aproveiten para realizar as súas compras vía online, especialmente a través do noso marketplace municipal E-Ponte.com, unha páxina que xa conta con 110 negocios habilitados para a venda e que permite mercar no comercio de proximidade sen ter que moverse da casa, e da páxina do Mercado PonteAbastos.com”.

“A maioría dos comercios de Pontevedra -sinalou Yoya Blanco- fixeron un esforzo para sobrevivir e adaptarse á exponencial demanda de dixitalización que trouxo consigo a pandemia”.