Boa acollida do proxecto de reforma da praza de Barcelos entre o empresariado da contorna

62

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, e varios empresarios e comerciantes da contorna da praza de Barcelos mantiveron, na tarde de onte, unha xuntanza en liña para poñer en común o proxecto básico de reforma da praza.

Na reunión, que se desenvolveu nun bo clima de colaboración, Demetrio Gómez trasladoulles os principais aspectos que contempla a reforma, facendo fincapé na nova distribución de espazos e na circulación perimetral da praza de cara a favorecer a actividade comercial. O concelleiro explicou que a proposta de remodelación inclúe máis espazos verdes e máis zonas de sombra e reformula a área de xogos infantís e as zonas deportivas, cun deseño xeral que permitirá que os escaparates dos negocios sexan visibles desde a propia praza

Esta xuntanza vén sumarse ás xa mantidas coa Federación de veciños Castelao, coa Asociación de veciños do Burgo e coa Asociación Amizade, co obxecto de difundir o proxecto entre os residentes, comerciantes e outros colectivos do ámbito de actuación de Barcelos e recoller aquelas achegas que resulten de interese para melloralo.