O Concello continúa coas xuntanzas sectoriais para a convocatoria Supera21, á que destinará 1,7 millóns de euros

43
  • O alcalde asegura que “se fará o máximo esforzo posible” para incluír a todos os sectores económicos da cidade afectados pola pandemia
  • Esta mañá reuniuse coa Asociación galega en defensa das axencias de viaxes, e a rolda de xuntanzas continuará nos vindeiros días con outros sectores como as perruquerías e taxistas

“Sabendo que a situación é dramática, nós imos facer o máximo esforzo posible para que todos os sectores económicos da cidade poidan saír o mellor posible desta pandemia” asegurou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tras reunirse esta mañá cunha representación da Asociación galega en defensa das axencias de viaxes (AGADAV), encabezada pola presidenta do colectivo, Mar Moreira. Neste sentido, Fernández Lores indicou que a aportación que o Concello fai a través das dúas convocatorias da liña Supera, as correspondentes ao 2020 e a do 2021, “é probablemente a achega máis grande que ningún Concello fixera” e lembrou que porcentualemente é superior á achega que fai a Xunta. Así, para a convocatoria Supera21, o Concello destinará unha partida de 1.700.000 euros, o que supón máis do 2% do orzamento municipal.

O alcalde, que estivo acompañado polas concelleiras de Promoción Económica, Yoya Blanco, e de Réxime Interior, Anabel Gulías, enmarcou a xuntanza desta mañá na rolda de contactos que o goberno municipal está mantendo “con todos os sectores afectados para recoller as súas demandas, e ver de que maneira podemos responder mellor”, co obxecto de incorporar aquelas achegas de interese á convocatoria de axudas Supera21.

Deste xeito, o sector das axencias de viaxes que, en palabras do alcalde “é un dos máis afectados”, vén sumarse a outros sectores que xa mantiveron encontros con representantes do goberno local nas últimas semanas como son o hosteleiro, o hoteleiro, o comercio da cidade e o comercio ambulante. En vindeiros días, a rolda de reunións continuará con máis represtantes de axencias de viaxes, representantes do sector das perruquerías e tamén do colectivo de taxistas.