O pedagogo Friedrich Froebel, o antigo barrio da Moureira e a Ponte da Barca protagonizan o novo mural de ‘O teu cole na historia’

23
  • Kike Mauricio e Carlos Taboada, do equipo creativo de Polo Correo do Vento, rematan no CEIP Froebel a sexta pintura mural do proxecto didáctico impulsado pola Concellería de Educación

O equipo creativo de Polo Correo do Vento acaba de rematar no CEIP Plurilingüe Froebel o sexto mural do proxecto didáctico ‘O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna’, impulsado pola Concellería de Educación do Concello de Pontevedra. A pintura elaborada por Kike Mauricio e Carlos Taboada ten como protagonistas ao pedagogo alemán Friedrich Fröbel (ou Froebel), que lle dá nome ao centro escolar, o antigo barrio da Moureira, a Ponte da Barca cando pasaba o tren e un arroaz subindo pola ría de Pontevedra.

Tal e como explica o teniente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, ademais de no Froebel, o programa municipal, destinado a que os alumnos e alumnas coñezan a historia e a contorna dos seus colexios e se identifiquen con eles a través de murais, “xa ilustrou con obras pictóricas os muros dos CEIP de Parada-Campañó, A Xunqueira I, A Xunqueira II e Álvarez Limeses, e o CEP Campolongo”.

O edil socialista lembra que tamén participan en ‘O teu cole na historia’ os CEIP San Benito de Lérez, San Martiño (Salcedo), Santo André de Xeve, Manuel Vidal Portela e Ponte Sampaio; o CEP Marcos da Portela, e as EEI Verducido e Fina Casalderrey.