Iván Puentes pon en marcha o seu plan para que tódolos parques infantís de Pontevedra cumpran coa normativa europea en materia de seguridade

33
  • Desenvolvemento Sostible iniciará nos vindeiros días a reforma integral da área de xogos da Praza 8 de Marzo, na que se investirán uns 20.000 € e que seguirá os criterios pautados pola auditora STO
  • O edil do PSOE asegura busca “que os parques estean certificados ano a ano como espazos nos que os nosos fillos poidan xogar seguros e sen o risco de quedar atrapados en bambáns ou mobiliario”

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural porá en marcha nos vindeiros días os traballos de renovación integral do parque infantil da Praza 8 de Marzo, situada na Cidade de Pedra. A reforma, que levará a cabo a empresa Baygar cun orzamento de 20.023,56 euros, realizarase en base aos criterios marcados pola firma especializada STO (Soluciones Técnicas de Ocio), contratada polo Concello para auditar as condicións de seguridade de tódalas zonas de xogo da cidade, verificar que respectan coa normativa europea UNE-EN 1176 e co Decreto autonómico 245/2003, valorar as reparacións necesarias e emitir os certificados da ENAC (Entidade Nacional de Acreditacións) unha vez cumpran cos requisitos.

Así, a remodelación do parque infantil da Praza 8 de Marzo incluirá, entre outras cuestións, a reparación do valado, substituíndo as pezas en mal estado e dotándoo de un listón para evitar atrapamentos de cabeza ou pescozo; a cobertura de aristas e de parafusos nas bases dos farois mediante chafláns de caucho; a substitución de papeleiras; a recolocación de bancos, recortando ou substituíndo os seus parafusos ou formando novas ancoraxes; o recrecido do pavimento de caucho de seguridade (ao resultar o actual insuficiente para amortecer a caída dende altura), e a reubicación de tres xogos de resorte que solapan espazos de caída de seguridade. 

Asemade, desmontarase e trasladarase ao taller para a súa restauración a estrutura grande de xogos de Kompan (substituíndo madeiras degradadas, parafusos, esmalte e verniz e reparando as redes); efectuaranse traballos de reparación e mantemento dos bambáns, coa reposición de parafusos e tapóns, a substitución do recheo dos elos que poidan provocar atrapamentos e o axuste de folguras; restaurarase a estrutura pequena de xogos de Kompan; farase unha limpeza profunda con hidrolimpadora e instalaranse novos paneis informativos.

Tal e como sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, “esta reforma, ao igual que a que se está a realizar no parque infantil da Praza de Europa, en Monte Porreiro (ao que se dotou dunha tirolina de máis de 20 metros), e das que se van levar a cabo a partir de agora no resto das zonas de xogo da nosa cidade, estarán baseadas nos informes elaborados pola auditora STO para comprobar os niveis de seguridade e corrixir aqueles elementos ou factores que poidan supoñer un risco para integridade dos rapaces”. “As inspeccións e medicións técnicas -subliña o socialista- pretenden acadar os máximos estándares de calidade e seguridade e desenvolveranse progresivamente en tódalas áreas de lecer infantil de Pontevedra, testando xogos, peches perimetrais, bancos, fontes de auga, papeleiras e mobiliario en xeral. O obxectivo é certificalos ano a ano”.

Uns protocolos de inspeccións que abranguen as diversas etapas

A principal intención de Iván Puentes é a de “evitar ao máximo que se produzan accidentes como atrapamentos de cabeza e pescozo en buratos do mobiliario e elementos de Xogo, contusións ou feridas por caídas ou aprisionamentos de dedos nas cadeas dos bambáns”. Non obstante, os protocolos de inspección coordinados polo Servizo Municipal de Parques e Xardíns coa firma STO contemplan diversas etapas: 

  1. Na fase de deseño, formularanse deseños específicos e singulares que se adapten o mellor posible ás condicións das zonas verdes, buscando conxugar integración paisaxística, confort, calidade e robustez coa sustentabilidade medioambiental dos materiais (de cara a optimizar o mantemento). Realizarase un estudo das necesidades de xogos e formularanse as propostas contando coa participación da veciñanza dos barrios. Ademais do estrito cumprimento das normas de seguridade e accesibilidade, establécese como criterio prioritario a incorporación de áreas de xogo inclusivas e integradoras.
  2. Nas fases de instalación e remate das obras de creación dun novo parque de xogos, comprobarase o cumprimento de tódalas condicións de seguridade (montaxe, colocación, distancias de seguridade, pavimentos…), incorporando medicións por parte de laboratorios de control de calidade que validen o cumprimento das normas.
  3. Conforme á normativa europea, o Servizo de Parques e Xardíns desenvolverá unha rutina programada de inspeccións oculares que permita identificar posibles riscos evidentes derivados do uso, de actos vandálicos ou das condicións meteorolóxicas. Estas revisións serán de carácter semanal e, no caso de áreas de xogo moi frecuentadas ou afectadas polos vándalos, diario.
  4. Asemade, os servizos técnicos municipais levarán a cabo unha inspección funcional máis profunda para comprobar o funcionamento e a estabilidade dos equipamentos, coa finalidade de detectar posibles síntomas de desgaste. Estes traballos efectuaranse cunha frecuencia que variará entre un e tres meses, ou ben seguindo as instrucións do fabricante.
  5. Por último, tal e como se fixo no barrio de Monte Porreiro, realizarase unha inspección principal anual para comprobar o nivel de seguridade global dos equipamentos e dos seus alicerces, así como a presenza de podremias ou corrosión.