O Concello prorroga o contrato de mantemento de espazos públicos urbanos

48
  • A prórroga terá unha duración anual e unha cuantía de 450.000 euros, e desde os servizos municipais xa se traballa na redacción dos pregos dun novo contrato
  • A reforma do segundo andar das dependencias municipais de Michelena 30 rematará a finais de marzo

A Xunta de Goberno local vén de aprobar a prórroga do contrato de mantemento de espazos públicos urbanos por un ano máis e por unha cuantía de 450.000 euros. A portavoz do Goberno, Anabel Gulías adiantou que ademais “xa se está a traballar nun novo contrato cunha cuantía similar para seguir prevendo actuacións”.

Anabel Gulías asegurou que o contrato de mantemento foi “unha das prioridades fundamentais do Concello de Pontevedra, tanto no eido urbano como no rural, para ir cubrindo  os obxectivos que tiñamos previstos”. Neste sentido, lembrou que durante o ano 2020 e ao abeiro deste contrato foron atendidas ao redor de 200 incidencias, correspondentes tanto a obras puntuais de emerxencia como a mantemento ordinario dos espazos públicos.

Así, lembrou que as actuacións se centraron no mantemento de itinerarios peonís tomando sempre como referencia as zonas máis concorridas como Michelena, Peregrina, avenida de Compostela, praza de España ou Castelao; a reposición de capas de rodadura e reparación de firme, atendendo o redor de 20 rúas; e outras actuacións especiais como a reparación dun tramo do carril bici na avenida de Bos Aires ou a habilitación  de zonas de aparcadoiro na rúa Médico Ballina.

En canto á previsión de novas actuacións, a portavoz do Goberno tamén anunciou que o  vindeiro 17 de febreiro, aproveitando que é festivo local e se as condicións climatolóxicas o permiten, se iniciará o arranxo da capa de rodadura da rúa Palamios e do cruzaménto da rúa Sequiña con José Malvar.

Prórroga obras Michela 30

Tamén na Xunta de Goberno se aprobou unha prórroga no prazo de execución das obras  de reforma do segundo andar das dependencias municipais de Michelena 30. Cabe lembrar que estas obras están enfocadas a reformular os espazos de traballo do Departamento de Intervención e dotar ao edificio dunha sala de reunións onde celebrar Xuntas de Goberno e mesas de contratación, de xeito que se garantan as medidas de seguridade sanitaria tanto para traballadores e traballadoras municipais como para as empresas que sigan de xeito presencial os procesos das mesas de contratación. 

A prórroga será de seis semanas, polo que a data prevista de finalización dos traballos sitúase no 31 de marzo, e o motivo débese ao período de días libres e de vacacións recollidos no convenio colectivo da construción durante as datas Nadal, que retrasaron a previsión dos traballos, así como aos problemas de subministración de materiais por mor da situación de pandemia.

Suspensión temporal obras GDR

Por último, Anabel Gulías tamén informou que o Concello acordou unha suspensión temporal das obras do edificio que acollerá as oficinas do GDR ata a aprobación do vindeiro orzamento municipal. A portavoz do Goberno explicou que durante o inicio das obras se detectaran problemas na estrutura do edificio que obrigaron a encargar un novo proxecto modificado pero que para a tramitación de dito proxecto modificado non había suficiente dispoñibilidade de crédito.

O proxecto modificado supón un incremento do 19,42%, isto é, 85.158,09 euros sobre o orzamento previsto, que era de 438.450 euros. Ante a falta de crédito para asumir a este incremento, acórdase a suspensión temporal das obras ata a aprobación definitiva do orzamento municipal de 2021. 

Anabel Gulías fixo fincapé na importancia tanto desta obra como de todo o núcleo de centralidade que ese está executando nos Campos asegurando que “é unha das máis importantes das parroquias do Concello de Pontevedra e ademais é unha obra clave para que os veciños e as veciñas teñan lugares de encontro accesibles e seguros para facer vida social”.

Nos vindeiros días tamén está prevista unha reunión do concelleiro de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña coa veciñanza dos Campos para perfilar o deseño definitivo do local social e dos accesos ao núcleo de centralidade.