O marketplace ‘E-Ponte.com’ organiza dúas formacións online de Marketing na Actividade Comercial e Deseño do Montaxe de Escaparates

19
  • O portal de comercio online impulsado pola Concellería de Promoción Económica abrirá ata o 28 de febreiro o prazo de inscrición nestes talleres, que terán carácter de balde

O marketplace ‘E-Ponte.com’, impulsado pola Concellería de Promoción Económica, coa colaboración da plataforma #PonteLovers, acaba de abrir o prazo de inscrición para que toda a poboación interesada, en especial os donos e empregados de establecementos comerciais, poidan participar de balde en dúas actividades de formación online destinadas a mellorar as súas vendas. En concreto, o portal de comercio online de Pontevedra ofertará un taller de Marketing na Actividade Comercial de 160 horas de duración e outro de Deseño do Montaxe de Escaparates de 100 horas.

Segundo indica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “todos aqueles que queiran participar nestes cursos impartidos na modalidade de teleformación terán de prazo para inscribirse ata o vindeiro domingo 28 de febreiro”. Para apuntarse no taller de Marketing na Actividade Comercial, poderán facelo a través do enlace ‘https://e-ponte.com/gestor-de-tienda/administrar-productos/10640/’, mentres que para inscribirse no de Deseño do Montaxe de Escaparates, deberán realizalo mediante o link ‘https://e-ponte.com/gestor-de-tienda/administrar-productos/10641/’. Tamén poderán remitir un email a dirección de correo electrónico proxectoiles@gmail.com cos seguintes datos: nome e apelidos, email e número de teléfono.

Tal e como avanza Yoya Blanco, o taller de Marketing terá como obxectivo “identificar os elementos básicos relativos ao marketing, o mercado, o produto, os prezos, a investigación comercial, o consumidor, a distribución e a comunicación comercial necesarios para desempeñar as funcións de apoio e colaboración na aplicación e seguimento das políticas de marketing na empresa”.

No curso de escaparatismo, abordaranse os labores de desenvolvemento de deseño da  montaxe dun escaparate, atendendo aos distintos segmentos de actividade económica e utilizando os programas de deseño máis empregados. Entre outros contidos, falarase da evolución histórica dos escaparates, a formación e coñecementos do escaparatista, o método para orzar a montaxe, as nocións de carpintería e pintura, a electricidade e luminotecnia, a rotulación e cartelería, o manequín, as etiquetas e a normativa e a imaxe exterior.

Yoya Blanco anima aos responsables dos comercios da cidade a participar destas actividades formativas de balde, “que permiten aproveitar este complicado momento para adquirir novos coñecementos, actualizarse e reinventar os nosos negocios”.