Os interesados en facerse con algún dos postos libres no Mercado de Abastos teñen un prazo de 30 días hábiles para presentar as súas propostas

71
  • O BOP e o Perfil do Contratante do Concello publican hoxe o prego de condicións técnicas que rexerá o procedemento de concesión das 55 bancadas e 9 casetas baleiras na Praza

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe o expediente e o prego de condicións técnicas e cláusulas administrativas que rexerán o procedemento de concesión demanial, mediante poxa, para a explotación das 55 bancadas e 9 casetas dispoñibles no planta baixa do Mercado de Abastos de Pontevedra. Os interesados en participar, que tamén poden atopar o anuncio da licitación e a restante documentación no Perfil do Contratante do Concello de Pontevedra (‘sede.pontevedra.gal’, no apartado de Outras Licitacións), disporán dende mañá dun prazo de 30 días hábiles para presentar as súas propostas.

Tal e como lembra a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, este procedemento permitirá sacar a concurso, mediante a fórmula de libre concorrencia por poxa, “55 bancadas das 114 existentes no Mercado (hai 59 ocupadas, 15 delas de flores), 52 bancadas de peixe e 3 de froita, así como 6 casetas interiores de carne das 30 casetas interiores que hai e 2 casetas exteriores de confección e 1 de prensa das 19 casetas exteriores que ten o primeiro andar (das 49 casetas existentes, 9 saen a poxa e 40 están ocupadas)”. 

Entre as obrigas que constan no prego de condicións técnicas, establécese que os concesionarios deberán satisfacer as taxas correspondentes melloradas á alza segundo as súas propostas, fixándose o importe destes canons polo prazo total de concesión, que é de 25 anos. As taxas mínimas que se deben ofertar polos licitadores por cada número de posto, en función do seu tipo, serán os seguintes (canon base a 25 anos): bancada de peixe, 3.872,07 euros; bancada de froita, 3.872,02 euros; caseta interior, entre 9.680,16 e 13.552,23 euros, e caseta exterior, 8.131,34 euros. As ofertas que se formulen por debaixo destes mínimos serán rexeitadas e os licitadores excluídos do procedemento.

Tódolos solicitantes que estean propostos para ser beneficiarios das concesións están obrigados a presentar autoliquidación e realizar o pagamento do canon ofertado. Independentemente do pago do canon mínimo, os adxudicatarios deberán satisfacer mensualmente, durante a vixencia da concesión, as taxas de servizo establecidas na ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación de servizos nos mercados municipais, a saber: bancada de peixe, 38,03 euros mensuais; bancada de froita, 40,81 euros; caseta interior, entre 55,86 e 78,20 euros, e caseta exterior, 46,92.

Tamén correrán por conta de cada concesionario os tributos relativos ao exercicio de cada actividade, os que graven a constitución destas concesións, os de formalización pública dos títulos das concesións e demais derivados das propias concesións. Para poder participar neste procedemento, os empresarios interesados deberán acreditar a súa solvencia económica, técnica e profesional.