Expectativa veciñal para coñecer o proxecto de reforma da rúa da Santiña

24
  • Inscribíronse un total de 65 persoas para participar na asamblea en liña que terá lugar mañá ás 20h
  • A reforma cambiará por completo a fisonomía da rúa, que terá plataforma única, zonas de estancia e arborado, e toda a iluminación renovada para dar continuidade ao trazado urbano do Camiño de Santiago

Ás 65 persoas inscritas na asamblea en liña para coñecer o proxecto básico de reforma da rúa da Santiña xa se lles proporcionou a ligazón para participar na asamblea que terá lugar mañá, xoves 11 ás 20h. O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, exporá os principais aspectos deste proxecto, que suporá un antes e un despois para a mobilidade e o deseño urbano dunha rúa que a cambiará por completo a súa fisonomía con esta reforma.

Tras realizar unha primeira presentación pública para medios de comunicación, a Concellaría de Obras Urbanas continúa coa fase de participación veciñal para que toda a veciñanza da contorna que o desexe poida coñecer este proxecto polo miúdo e trasladar as achegas que considere precisas. A asemblea realizarase a través da plataforma ‘zoom’ e tras unha primeira intervención de Demetrio Gómez para explicar a actuación, a través de planos e infografías, darase paso ás intervencións da veciñanza tanto a través de micro como a través do chat da plataforma. Convén lembrar que o proxecto que se presentará mañá, foi elaborado tendo en conta o plan de necesidades que se aprobara previamente en asemblea veciñal.

Como xa fixera público Demetrio Gómez no seu momento, a rehabilitación integral da rúa da Santiña contempla un orzamento que ascende a 1.804.914 euros e implica dotar a rúa de plataforma única cun pavimento continuado para unificar a intervención. Tamén prevé varias zonas arboradas, organizadas en función dos diferentes tramos da rúa pero dándolle un tratamento continuado de paseo e facendo máis brando o percorrido, de xeito que na parte máis próxima á ponte do Burgo está previsto que nos cruzamentos se planten árbores tipo liquidámbar; no seguinte tramo está prevista unha ringleira de ameixeiras púrpuras para suavizar a zona máis industrial da rúa, e xa de cara ao último treito prevese unha liña de árbores que remata nun conxunto árboreo onde se instalaría unha zona de estancia e, contra a zona máis rural, plantaríase unha ringleira de chopos. Contémplanse varias áreas de estancia ao longo da rúa, así como unha zona de descanso no extremo norte e a conservación da fonte. O alumeado inclúe iluminación vertical a través de báculos illados ou suxeitos nas fachadas e sinalización de cortesía integrada nos bancos, nos muros e no chan. Por último, ao igual que en todas as rehabilitacións integrais que se realizan en Pontevedra, tamén se acometerá a renovación dos servizos de saneamento e o soterramento dos servizos de electricidade, gas e telecomunicacións.