O Concello reclama á Xunta que “resolva con carácter urxente” o problema do verquido de Cocheras

20
  • Volve lembrarlle a Augas de Galicia que o problema é consecuencia dunha obra mal executada e que a competencia, a responsabilidade e a titularidade é autonómica

A concelleira responsable do Ciclo da Auga, Carme da Silva, reclamoulle esta mañá á Xunta de Galicia que “resolva con caracter urxente” o problema que está a provocar contínuos verquidos no aliviadeiro de Cocheras. Da Silva volveu lembrar que a maioría dos verquidos son consecuencia dunha obra mal executada, por parte da Xunta, nun tramo da rede de titularidade autonómica e que desde o Concello levan desde o ano  2011 reclamando que se dea solución ás deficiencias nese punto da rede de saneamento. “Localizado o problema e coñecida por parte de Augas de Galicia a solución, que o resolva” insistiu. 

Segundo explicou Carme da Silva, moitos dos verquidos que se producen en Cocheras “non son consecuencia da falta de capacidade da EDAR senón da mala execución dunha obra que provoca que se reduza de forma importante a capacidade hidráulica desa canalización”. Neste sentido, lembrou que un treito do colector xeral foi afectado polas obras do enlace de Mollavao realizadas pola Xunta de Galicia en convenio co Ministerio de Fomento e que supuxeron que, desde o bombeo de Cocheras, preto de 300 metros de tubería de diámetro útil de 1.200mm foran substituídos por outra tubería de 1.000 mm, mermando a capacidade da tubería nun 30%. Tamén foron descubertos pozos de rexistro agochados polas obras constando que preto de 150 metros quedaron con pendende do 0%, o que tamén supuxo unha redución de caudal, polo que se pasou dunha capacidade do colector de 1200 litros/segundo a outra de 530 litros/segundo, convertindo ese treito nun embudo.

Este problema foi notificado desde os servizos técnicos municipais a Augas de Galicia en diversas ocasións: en novembro de 2011, abril, xullo e outubro de 2012 e xuño de 2015. 

Ademais, esta deficiencia aparece recollida no Plan de Saneamento elaborado pola propia Xunta de Galicia, no que tamén inclúe o ‘colector de Cocheras a Placeres’ na relación obras prioritarias, así como na relación de actuacións propostas susceptibles de financiar cos fondos FEDER vixentes

“A Xunta é coñecedora do problema, é coñecedera da solución, ten ademais orzamentada a substitución deste colector en 3.695.000 euros, ten fondos FEDER para facelo, é unha obra que non require expropiacións e que se pode executar dunha forma rápida, polo tanto o que lle pedimos é que proceda á contratación inmediata destas obras para a súa execución e resolver o problema” resumiu Carme da Silva.

Por último, a concelleira afeoulle á Xunta que intentara “eludir a súa responsabilidade” e que non resolva esta situación nunha relación entre Administracións senón que o faga “a través dos medios de comunicación e a través de notas nas que se pretende deixar caer a responsabilidade dun verquido intentando dicir que era do Concello, cando o Concello é a Administración que está de forma reiterada dicíndolle a quen ten a competencia, a responsabilidade e a titularidade que o resolva”.