O Salón do Libro entre as mellores iniciativas culturais en Galiza no 2020

68
  • O Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea inclúe, por vez primeira, O Salón no ranking do “mellor do ano” en canto a insignias culturais por comunidades
  • Na listaxe de iniciativas galegas tamén figura a Feira das Industrias Culturais de Galiza – Culturgal

O Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra figura, por primeira vez, entre as 15 mellores iniciativas culturais do ano 2020 en Galiza. Neste ranking,  elaborado anualmente polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, tamén figura Culturgal – Feira das Industrias Culturais, nesta ocasión en segundo posto (no 2019 encabezaba a listaxe).

Unha vez coñecida esta listaxe, a concelleira de Cultura, Carme Fouces asegurou que “esta é unha moi boa noticia para Pontevedra, que demostra o compromiso de calidade co que estamos a traballar no ámbito da Cultura e que, ademais, se corresponde co inicio dunha nova etapa para a cultura feita aquí e deste aquí, con calidade e profesionalidade”. A concelleira agradeceu o esforzo, sobre todo no 2020, de todas as persoas que traballaron para sacar adiante o Salón “nun momento adverso no que parecía que todo se viña abaixo” e manifestou a intención do seu departamento de “seguir traballando para acadar postos máis altos no ranking de vindeiros anos”

Convén lembrar que O Salón do Libro, precisamente na pasada edición, se veu obrigado a reinvertarse sobre a marcha para seguir ofertando contidos en liña, toda vez que o estado de alarma fora decretado aos cinco días da súa apertura. Así, o denominado ‘Salón virtual’ ofrecera a través das redes 120 publicacións durante 2 meses de actividade, chegando a 150.000 persoas e contabilizando 120.000 interaccións. 

O Observatorio da Cultura elabora dous rankings, un relativo ao panorama estatal e outro por Comunidades Autónomas, co obxecto de dar visibilidade ao mellor da oferta cultural producida en todo o Estado. Os responsables do estudo, indican que no ano 2020, con motivo das limitacións da programación cultural derivadas da pandemia, as listaxes sufriron nalgunhas ocasións grandes cambios con respecto a anos anteriores posto que un bo número de propostas culturais non se celebraron. 

As listaxes por Comunidades Autónomas recollen as propostas máis destacadas en cada unha delas segundo os e as profesionais de cada Comunidade. Cada profesional que participa no Observatorio debe sinalar ata dez institucións e acontecementos culturais como os máis destacados do ano 2020. As puntuacións refírense á porcentaxe de profesionais que mencionaron cada iniciativa. 

O Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, cunha puntuación de 13,3%, comparte posto co Festival Internacional de Galicreques, a Real Filharmonía de Galicia, ambas de Santiago de Compostela, e Corpo (a) Terra – Festival de Danza e Artes do Corpo, de Allariz.