O Entroido pontevedrés ‘vai por dentro’ e chega a todos os fogares a través das novas tecnoloxías

94
  • Un total 250 fotografías, cedidas polos medios de comunicación e que recollen a historia do Entroido pontevedrés desde 1985, conforman a exposición en liña que pode visitarse na páxina do Concello
  • Ravachol comunicarase por vídeochamada con outros protagonistas desta celebración, como o rei Urco, o pirata Benito Soto e representantes das murgas e das comparsas 

“Este ano o Entroido vai por dentro” é o lema do Entroido en liña pontevedrés. A concelleira de Festas, Carme da Silva, presentou esta mañá as actividades que achegarán, desde a páxina web e as redes sociais do Concello, os mellores fitos da historia do Entroido de Pontevedra aos domicilios de todas as persoas que non queiran renunciar a esta cita.

Así, a historia da celebración popular desta festa nas rúas da cidade, sobre todo a través do desfile, Ravachol coas súas orixes e a súa caracterización anual, o pregón, as murgas, as parodias e a Noite Pirata protagonizarán as exposicións en liña e vídeochamadas ás que xa se pode acceder desde a páxina institucional do Concello.

Carme da Silva explicou que o Entroido tal e como o coñecemos actualmente comezou a a partires de 1984, “que foi cando sae dos espazos pechados e sae á rúa”. A partires dese ano vanse implementando diferentes fitos como o pregón, que tamén tivo lugar por vez primeira en 1984 e correu a cargo de Antonio Odriozola; o concurso de murgas que se incorpora no ano 1992; a Mostra da Parodia que se instaura na noite do martes de Entroido en 1996; e a celebración da Noite Pirata, co pirata pontevedrés Benito Soto e o seu navío El Burla Negra como protagonistas, que chega a partires de 2011. 

Mais o maior protagonismo recae en Ravachol e recóllese a historia e orixes deste papagaio e explícase como chega a converterse, en palabras en da concelleira “no símbolo do noso Entroido”, así como a caracterización da que cada ano fai gala desde a primeira vez que saíu á rúa no ano 1984. Ademais, Ravachol será o interlocutor das vídeochamadas que recibe por parte dos protagonistas habituais do Entroido: o rei Urco, representantes das murgas, representantes das comparsas, do pirata Benito Soto, a presentadora do Entroido María Carrera, e diferentes amigos e amigas.

Carme da Silva tamén explicou que a exposición en liña está realizada grazas ás achegas de fotografías dos arquivos que os medios de comunicación foron creando ao longo de todos estes anos. Así, os medios de Pontevedra achegaron preto de 600 imaxes, das que foron seleccionadas 250 para conformar a exposición que pode visitarse por períodos temporais para ver a progresión histórica desta celebración, de 1985 a 1990, de 1991 a 2000, de 2001 a 2010, e de 2011 a 2020. 

Tamén na páxina web hai un apartado dirixido especialmente ás crianzas, desde o que se poden descargar máscaras que representan as principais personaxes do Entroido pontevedrés e colorealas para o seu posterior uso.