Arranca o deseño do transporte a demanda coa sinatura do contrato da plataforma dixital

93
  • O alcalde recibiu esta mañá a José Manuel Fernández Alvariño, responsable do Grupo Alvariño, matriz de Demesix, empresa galega que xunto a Sicom e Zitycard executarán a plataforma.
  • Está prevista a implantación dunha plataforma de transporte compartido a demanda para dar servizo á veciñanza da zona periurbana e rural.
  • Os usuarios deberán chamar a unha central de reservas a través da web ou da app para solicitar con antelación rutas á carta
  • A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá aos responsables do grupo Alvariño, matriz da empresa Demesix que xunto a Sicom e Zitycard executarán a plataforma dixital coa que se controlará o transporte a demanda no Concello. Trátase dunha ferramenta dixital de xestión que foi adxudicada a esta UTE con maioría galega, por un prezo de 266.587,20 euros e que ten un prazo de execución de 12 meses, que se complementa cunha fase de supervisión ata os 21 meses. 

Este proxecto está sendo financiado polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) “Máis modelo Pontevedra”. A achega europea é do 80% da licitación.

José Manuel Fernández Alvariño, presidente do Grupo Alvariño e Beatriz Baamonde, directora de Demesix explicaron ao alcalde cales son as prestacións que esta nova plataforma ofrecerá aos veciños e veciñas de Pontevedra. O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez salientou que a sinatura deste acordo supón “un paso moi importante na posta en marcha do novo sistema de transporte a demanda, que está desenvolvéndose como unha carreira de fondo e que a través de varias etapas nos levará a que cara finais de 2022 ou comezos de 2023 estea operativo”. Cualificou a plataforma que xestionará as viaxes como “unha peza fundametal” e “unha das claves de bóveda” deste novo sistema de transporte compartido e aproveitou para salientar que “vai estar constituída por tecnoloxía galega, grazas a unha UTE conformada por empresas galegas, co cal unha vez máis estamos axudando a que este país estea na vangarda”.

Beatriz Baamonde, directora técnica de Demesix, explicou que “as capacidades das tres firmas unidas nesta UTE permítenos facer fronte a este reto como un grupo referente no mercado da innovación e no desenvolvemento tecnolóxico no entorno Smart Cities, promovendo o desenvolvemento sostible, facilitando a mobilidade e mellorando os servizos”.

José Manuel Fernández Alvariño, presidente do Grupo, indicou que “é un orgullo poder ofrecer unha resposta tecnolóxica dende Galicia a os desafíos que demanda a nova mobilidade”. Destacou a aposta do Grupo Alvariño por emprender nos sectores da nova economía dende Galicia, como nas TIC ou as renovables, nas que o grupo familiar vigués está hoxe solidamente posicionado coas súas empresas. Indicou ademais que o deseño desta plataforma para o transporte a demanda “é un magnífico exemplo do que será o futuro da mobilidade sostible” e asegurou que nesta materia “Pontevedra sigue estando na vangarda”.

O transporte a demanda en Pontevedra

O proxecto contempla a implantación dunha plataforma de transporte compartido a demanda que busca dar unha resposta de mobilidade aos veciños e veciñas das zonas periurbanas e rurais con menor cobertura do transporte público. Para este cometido, desenvolverase a plataforma de xestión orientada á tecnoloxía web e a aplicacións de dispositivos móbiles IOS e Android. Ademais, entre as ferramentas que se ofrecerán ao usuario, está a información sobre o tráfico de peóns ou a ocupación dos estacionamentos da cidade, buscando a optimización da mobilidade cidadá de 360º.

En sintonía coa estratexia da UE en materia de mobilidade, Pontevedra porá en marcha o concepto de Mobility as a Service (MaaS), é dicir, a combinación de tendencias de mobilidade compartida co transporte público, que ofrece opcións de mobilidade porta a porta sen depender do vehículo privado, ao combinar distintas opcións de mobilidade, tanto públicas como de mobilidade compartida.

O elemento central do proxecto que porá en marcha a UTE liderada por Demesix é unha plataforma dixital de vehículos compartidos que permitirá coordinar estes servizos de mobilidade a demanda, xestionado a través dunha central de reservas nas que o cliente realizará a reserva anticipada o día anterior, vía web, aplicación ou teléfono. Os servizos organizaranse en tramos horarios con frecuencia prefixada, optimizando a ruta do atuo-taxi que prestará o servizo.

Xunto a estas funcionalidades, a plataforma dixital poderá incluír outros servizos como a súa web ou app, control de prazas de estacionamento o seguimento de aforos peonís.

As empresas adxudicatarias

Demesix Dealers Solutions S.L. é unha empresa galega, pertencente ao Grupo Alvariño, especializada no deseño, programación e explotación do solucións informáticas orientadas á localización de vehículos e flotas en tempo real, xestión das flotas e centrais de taxis e a localización de persoas.

SICOM Creaticlab S.L. empresa galega que traballa dende fai máis de 10 anos achegando solucións TIC no sector do transporte de viaxeiros, evolucionando nos últimos anos cara desenvolvementos de xestión relacionados con Smart Cities, tarxeta cidadá, pagos en liña ou securización.

Zitycard é un referente estatal en desenvolvementos de plataformas de xestión e aplicacións para a xestión de tarxetas cidadás, turísticas de fidelidade, xestión de control de accesos e sistemas de novos medios de pago no entorno de micropagos, identificación e blockchain.

A posta en marcha do transporte a demanda en Pontevedra complétase co estudo da demanda de mobilidade na zona periurbana de Pontevedra, así como para a análise e proposta de viabilidade e sostible da explotación do servizo do transporte a demanda. Este estudo xa foi adxudicado á Unión Temporal de Empresas MCRIT S.L. – Seteoitavas Sociedade Cooperativa Galega por un importe de 76.683,75 euros, nos que se inclúen melloras referidas ao grao de definición do estudo valorados en 37.500 euros.

Fondos europeos FEDER

Os dous proxectos están financiados polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) que é o principal fondo estrutural na política de cohesión rexional Europea. 

O actual marco de programación europeo 2014-2020 mobiliza do orde de 26.000 millóns de euros de fondos de cohesión para España, e parte deste investimento focalízase a través do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), que se estrutura en varios eixos. Deles destaca o número 12 relativo ao Desenvolvemento urbano que recibe o 6% dos fondos, cun total de 1.362,2 millóns de euros.

Os investimentos previstos no eixo 12 de Desenvolvemento Urbano realízanse a través das autoridades locais, e vertébranse mediante Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostibles e Integrado (EDUSI) locais. Os seus proxectos están cofinanciados até o 80% co fondo FEDER.

A EDUSI Máis Modelo Pontevedra foi definida e aprobada polo Concello de Pontevedra, como estratexia para estender e profundar no modelo urbano de Pontevedra. Foi admitida dentro da financiamento europea e no POPE, na primeira convocatoria de axudas, segundo a resolución 29 de setembro do 2016 da Secretaria de Estado de Presupuestes y Gastos.

A EDUSI Máis Modelo Pontevedra prevé un investimento de 12,5 millóns de euros  cofinanciada ao 80% a través do FEDER (10 millóns) e o 20% mediante fondos do Concello de Pontevedra (2,5 millóns de euros), dentro do período de programación 2014-20.

Actualmente a EDUSI ten programado o 92% do investimento previsto, e xa está executado o 45% do gasto total previsto.

Dentro da EDUSI Máis Modelo Pontevedra figuran proxectos relevantes, xa finalizados como o acondicionamento da Ponte do Burgo, o acondicionamento da rúa Gorgullón (ambas como parte das actuacións no Camiño de Santiago), a reforma da primeira planta do Mercado (Gastroespazo), ou a adecuación e mellora da eficiencia enerxética do Pavillón Multiusos da Xunqueira, entre outros. En curso destaca a mellora das ferramentas de xestión electrónica do Concello, a mellora de Infraestruturas na parroquia de Tomeza, o proxecto reforma do Ximnasio da Once, ou o Proxecto Construtivo do Parque Forestal Periurbano de A Fracha, entre outros. 

A EDUSI ten un horizonte temporal 2016-2022, e todos proxectos deberán ter finalizado o 31 de decembro do 2022.