Boa acollida veciñal ao proxecto de reforma da rúa da Santiña

23
  • As achegas veciñais que se reciban nos vindeiros días serán avaliadas de cara a redacción proxecto de execución, co obxectivo de poder comezar a obra a finais de ano

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, explicou onte na asamblea en liña coa veciñanza do barrio do Burgo que as achegas veciñais que se reciban nos vindeiros días serán avaliadas de cara a próxima redacción do proxecto de execución da reforma da rúa da Santiña. Segundo explicou o concelleiro, a previsión é proceder a redactar o mencionado proxecto de execución con carácter inmediato e poder iniciar, canto antes, o proceso de licitación, co obxectivo de comezar a executar a obra a finais de ano. 

A xuntanza, que se desenvolveu por espazo de hora e media nun clima participativo e de colaboración, serviu para expoñer os principais aspectos da reforma dunha rúa que cambiará por completo o seu deseño urbano e terá un tratamento similar ao resto de rúas que conforman o percorrido do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade. Así, como xa se adiantara, terá plataforma única cun pavimento continuado para unificar a intervención, dotarase de varias zonas arboradas, de áreas de estancia e de descanso, conservarase a fonte no extremo norte, renovarase por completo tanto o alumeado vertical como a sinalización lumínica de cortesía integrada nos bancos, muros e  chan, e tamén se acometerá a renovación dos servizos de saneamento e o soterramento dos servizos de electricidade, gas e telecomunicacións.

Por parte da veciñanza, as principais intervencións centráronse en coñecer máis polo miúdo cuestións relativas a aparcadoiros ou elementos de calmado do tráfico, que en principio non están previstos posto que a “nova rúa da Santiña” terá un tratamento similar a rúas de plataforma única do centro histórico como por exemplo a rúa Michelena. Tamén xurdiron demandas relacionadas co sistema de xestión de residuos urbanos, con consultas sobre a implantación da compostaxe e do colector marrón, así como sobre a necesidade de revisar os colectores existentes. Sobre este aspecto, Demetrio Gómez solicitou que todas as achegas e demandas relativas a residuos se trasladen ao Concello a través da páxina web para darlle solución ás cuestións máis urxentes e determinar as que poidan ser tidas en conta de cara ao novo contrato de xestión de residuos sólidos municipais no que o Concello está a traballar actualmente.

Convén lembrar que o proxecto básico de rehabilitación integral da rúa da Santiña contempla un orzamento que ascende a 1.804.914 euros e que foi elaborado a partires dun plan de necesidades aprobado previamente en asamblea veciñal.