Cinco empresas presentan as súas propostas para o proxecto do Laboratorio da Infancia

61
  • Os técnicos municipais terán dez días hábiles para estudar as ofertas das empresas Taller Abierto, Urban Culture Factory, Alamcia SL, Marexada e Polo Correo do Vento
  • O proxecto enmárcase dentro da estratexia EDUSI ‘Máis Modelo Pontevedra’ confinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder 2014-2020)

O Concello de Pontevedra celebrou este venres a mesa de apertura de plicas (sobres coas ofertas e requisitos) do proxecto impulsado pola Concellería de Educación para deseñar un Plan Estratéxico Local da Infancia e poñer en marcha un Laboratorio da Infancia que, entre outras accións, promoverá diversos talleres de educación e concienciación medioambiental, práctica deportiva, sostibilidade, economía circular e vida saudable. Os técnicos municipais disporán agora de dez días hábiles para estudar as propostas presentadas por cinco empresas e adxudicar os dous lotes deste procedemento de adxudicación, enmarcado dentro da estratexia EDUSI ‘Máis Modelo Pontevedra’ do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) confinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder 2014-2020).

Tal e como lembra o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, “o prego de condicións admitía que as entidades licitadoras se presentasen a ámbolos lotes sempre que se cumprisen cos requisitos de solvencia esixidos en cada un deles e que a mesma licitadora sexa adxudicataria de ámbolos lotes, e finalmente houbo unha única empresa que remitiu ofertas para os dous”. 

En concreto, a firma de xestión cultural Taller Abierto e a consultora madrileña Alamcia SL aspiran a facerse coa asistencia técnica que permitirá elaborar, en colaboración cos servizos municipais, un Plan de Acción para a Infancia e un Laboratorio da Infancia (lote 1). 

A propia Alamcia, a xestora integral de servizos no sector do lecer educativo, cultural e deportivo Marexada, o colectivo especializado en actividades lúdicas dirixidas ao público infantil Polo Correo do Vento e a escola de deportes e artes urbanos Urban Culture Factory (Mission Surf) presentaron ofertas para o deseño e execución das accións concretas do antedito Plan (lote 2).

O proxecto plantexa pois dúas liñas de traballo que estruturan a asistencia e o prego de condicións. Por unha parte, preténdese xerar un taller mestre e un relatorio marco que lideren unha Estratexia Local para a Infancia e un primeiro Plan de Acción cunha serie de medidas priorizadas e accións piloto. O taller e a ponencia marco serán os elementos reitores do Laboratorio da Infancia, mentres que as accións piloto impulsadas por distintas mesas e talleres específicos que, por competencias, se xeren dentro do propio Laboratorio a través de Laboratorios de Ideas. 

Este avance da Estratexia Local para a Infancia e o seu primeiro Plan de Acción crearanse e executaranse de xeito dinámico e cunha alta participación das familias, os diversos actores sociais e os axentes educativos e pedagóxicos, incluídos centros docentes e investigadores da Universidade expertos nesta área. Terá como criterios internos fundamentais os da igualdade de xénero entre mulleres e homes, a igualdade de oportunidades e a inclusión social, a sostibilidade, a promoción das liberdades individuais e dos dereitos humanos e sociais, o comportamento social, a análise crítica, o razoamento e o coñecemento, así como o fomento da innovación.

Dentro deste avance fixaranse os obxectivos que se consideren estratéxicos e as liñas de acción para lograr as mellores condicións para os nosos menores. O Plan de Acción deberá dar prioridade a todas aquelas accións e liñas que redunden en melloras de colectivos infantís especialmente desfavorecidos a nivel local, posibilitando a execución inmediata de accións que permitan unha mellor inclusión social e melloren a igualdade de oportunidades de tod@s.

En segundo termo, e en paralelo, quérense implementar accións directas que servan de ferramenta de arrinque ás dinámicas participativas do Laboratorio da Infancia. Ditas accións centraranse en dous obxectivos identificados na Estratexia: 1. A educación e concienciación ambiental, sostibilidade e economía circular; 2. A educación e concienciación deportiva.

No primeiro caso, promoveranse talleres que expliquen os valores do mundo rural, mediante a visita guiada aos parques forestais situados no contorno de Pontevedra, especialmente ao da Fracha (conformado a través da EDUSI con financiamento dos Feder), pero tamén ao resto de espazos e parques forestais da cidade. No que atinxe á educación e concienciación deportiva, potenciaranse os recursos deportivos en conxunción cos naturais, con talleres vencellados á práctica deportiva e á vida saudable: remo/piragüismo no Lérez, escalada no Pavillón da Xunqueira…

O orzamento económico para a contratación do primeiro dos lotes (Asistencia técnica na elaboración e coordinación da Estratexia Local para a Infancia e seguimento do Plan de Acción) ascende a 54.790 euros, mentres que o relativo ao Deseño e Execución das Accións Directas do Plan de Acción é de 78.650 euros.