A Concellería de Benestar Social desactiva o seu Protocolo do Frío despois de 73 días nos que se ofreceu cama nun hostal a 12 persoas

27
  • O Protocolo, que permaneceu activo entre o 4 de decembro e o 14 de febreiro, permitiu aloxar nun hostal a aquelas persoas que non dispoñían de espazo nos albergues de Calor e Café e Cáritas
  • O concelleiro Marcos Rey explica que, co incremento de temperaturas destes días, “é o momento de levantar este plan de emerxencia que, neste período, ofreceu aloxamento en 43 ocasións”

A mellora das condicións meteorolóxicas e o incremento das temperaturas rexistrados durante os últimos días levaron á Concellería de Benestar Social a desactivar o seu Protocolo do Frío, que permaneceu activo un total de 73 días, entre o 4 de decembro e o 14 de febreiro. Durante este período, no que o termómetro rondou os cero graos en diversas ocasións, este plan municipal de emerxencia permitiu que aquelas persoas que non dispuñan de espazo para pasar a noite nun dos dous albergues existentes na cidade (o xestionado por Cáritas no barrio de Monte Porreiro e o de Calor e Café) puidesen aloxarse nun hostal co que o Concello ten un convenio de colaboración.

Segundo constata o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, “durante o período no que permaneceu activo o Protocolo do Frío un total de 12 persoas usaron as camas do albergue en 43 ocasións”. “As persoas sen teito dispoñen en Pontevedra de dous albergues que suman 32 prazas e que, nunha situación normal, permiten cubrir sobradamente a demanda de pernoctación que hai na cidade. As restricións sanitarias motivadas pola pandemia obrigaron a limitar un 50% o aforo dos albergues, polo que a oferta se reduciu a 16 prazas. En base ao Protocolo, o Concello foi informando ás persoas que durmen na rúa da posibilidade de pasar a noite nun dos albergues e, no caso de que non dispuxeran de máis espazo, aloxalos no hostal colaborador”, aclarou o socialista.

Rey sinala que, dende a activación do plan de emerxencia, esas 16 prazas cubríronse boa parte dos días, se ben o exceso de demanda “podía ser de unha, dúas ou tres persoas, o que nos indica que, en condicións normais, os albergues de Cáritas e de Calor e Café cumpren perfectamente a función de garantir que a ninguén lle falte unha cama en Pontevedra”. O edil subliña que “dado que o Concello non pode obrigar a ninguén a durmir nas camas que se dispoñen de xeito gratuíto, a súa obriga consiste en informar a todo o mundo da oferta de camas”.

Asemade, grazas á colaboración de Cruz Vermella, ofrecéuselles ás persoas sen fogar comida e bebidas quentes, así como mantas e sacas de durmir, dúas veces por semana en horario de tarde-noite.