A senda peonil de Alba remata cun “punto negro” do Camiño Portugués en Pontevedra

98
  • O alcalde e a conselleira de Infraestruturas visitaron o remate dunha obra que cualificaron como “absolutamente necesaria e imprescindible” para mellorar a seguridade viaria no núcleo de San Caetano

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle, acompañados polo delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López, e polo concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez, visitaron esta mañá o remate das obras da senda peonil na PO-225 ao seu paso polo núcleo de San Caetano, na parroquia de Alba. Trátase dunha senda de 710 metros de lonxitude, que inclúe unha pasarela de 12 metros metálica sobre o río Rons e o acondicionamento da praza no exterior da capela de San Caetano e cuxa execución superou os 700.000 euros.

Na visita, Miguel Anxo Fernández Lores manifestou “a satisfacción polo remate desta obra, que era absolutamente necesaria, imprescindible e que demandamos no seu momento ante a Xunta de Galicia”, co obxecto de dar solución ao que denominou como “probablemente o punto negro máis importante que tiña o Camiño Portugués ao seu paso polo Concello de Pontevedra”. Neste sentido, o alcalde asegurou que a obra “era dunha necesidade imperiosa” e lembrou que o itinerario “era absolutamente perigoso e a xente tiña que ir en fileira, porque ademais esta vía ten moitísimo tráfico”.

Pola súa banda, Ethel Vázquez indicou en que “estas obras son unha mellora substancial para os veciños, para os peregrinos e para os condutores que se achegan á zona do polígono”, e incidiu en que “supoñen gañar espazo para as persoas e máis seguridade viaria”. Tamén aproveitou para lembrar que esta actuación se enmarca no Plan de sendas de Galicia, que na comarca de Pontevedra supoñen 11 kilómetros e un investimento de cinco millóns de euros.

Na visita, e a preguntas dos medios de comunicación, tamén se abordou o proxecto da variante de Alba e a posible trasferencia da PO-225 ao Concello. A este respecto, Miguel Anxo Fernández Lores explicou que, para o Concello, a actuación neste tramo consta de “tres patas”: mellorar o itinerario do Camiño Portugués a Santiago, reducir a velocidade no vial e buscar unha alternativa ao tráfico a través da variante de Alba. “Cando se faga un vial operativo para o tráfico, que sería a variante de Alba, poderíase recibir esta estrada como municipal” asegurou.

Sobre o proxecto da variante de Alba, afirmou ter “esperanzas de chegar a acordo igual que chegamos a acordo con Montecelo ou coa estación intermodal”, e insistiu na necesidade de “buscar unha alternativa porque hai un problema tamén de que os vehículos de máis tonelaxe non poden pasar por aquí e teñen que entrar na cidade e iso temos que resolvelo dunha maneira racional”. Fernández Lores asegurou que a “alternativa” para por un vial que sexa “operativo para o tráfico, co tráfico calmado e que sirva para tamén para conectar a parroquia de Campañó coas de Alba e Lérez” e lembrou que “a discreapancia que hai por parte dos veciños e do propio Concello con respecto á proposta que facía a Xunta no seu día está en que era unha estrada que non era operativa para o tráfico peonil nin ciclista e que era execesivamente impactante”. Por último, mencionou exemplos de viais realizados con estas características citando “o que fixemos entre Lérez e Monte Porreiro e entre Marcón e Mourente, sen problema veciñal ningún”.