Arranca o Plan Supera con catro liñas de actuación

297
  • O coidado das persoas, apoio á cultura local e deporte, apoio á economía local e investimentos de futuro conforman o plan de reactivación económica de Pontevedra para o 2021
  • O Concello vén de habilitar un sitio web específico, supera.pontevedra.gal, co obxecto de fornecer á cidadanía dun mapa de recursos para acceder a toda a información
  • No mes de marzo abrirase o prazo de solicitudes para adquisición de ordenadores e publicaranse as bases para as axudas Supera21

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o tenente de alcalde, Tino Fernández, presentaron esta mañá as catro liñas de actuación do Plan Supera que, en palabras de Fernández Lores está destinado a ser “o plan de reactivación económica do Concello para combatir os efectos desta pandemia da Covid”.

As catro liñas do Plan Supera inclúen un primeiro apartado destinado ao coidado das persoas, o segundo enfocado a apoiar a cultura local e o deporte, o terceiro atinxe á economía local a través da convocatoria Supera21, e o cuarto abrangue os investimentos de futuro. “Trátase de inxectar diñeiro na economía e xerar postos de traballo, investindo en cuestións que son fundamentais, como dar servizos aos cidadáns, mellorar a calidade de vida e a calidade urbana tanto nos núcleos rurais como no centro urbano e dar, en definitiva, máis e mellores servizos” resumiu o alcalde.

Pola súa banda o tenente de alcalde, Tino Fernández asegurou que o Plan Supera responde a que “a pandemia condicionou totalmente a nosa folla de ruta e fixo que tiveramos que adaptarnos ás novas realidades con dúas premisas básicas, que todo o mundo tivese atendidas as súas necesidades básicas e que ninguén quedase atrás”. Neste sentido, engadiu que “o Concello intenta chegar ata onde pode incluso asumindo competencias e custes que non lle corresponden, porque o importante é que aqueles cidadáns que necesiten axuda poidan atopala”.

A partires de mañá no sitio web supera.pontevedra.gal poderán consultarse os obxectivos das catro liñas comprendidas no Plan Supera:

  1. Coidado das persoas: este apartado inclúe a convocatoria para adquisición de ordenadores, axudas de emerxencia, axudas destinadas á provisión de produtos e bens de primeira necesidade, renda social, e atención a vítimas e violencia machista  
  2. Apoio á cultura local e ao deporte: destinado a promover a programación de eventos e o fomento de actividades na rúa, tendo en conta a evolución situación sanitaria, de cara  a fomentar o consumo na hostalaría e no comercio local. Neste apartado, o alcalde indicou que se continúa coa iniciativa posta en marcha no 2020 na programación de verán e do Nadal. A este respecto, lembrou que durante a programación de verán se realizaron máis de 300 actividades que supuxeron a contratación de 200 artistas e compañías e un total de 133 contratos, ao tempo que se favoreceu o comercio local e a hostelería.
  3. Apoio á economía local: convocatoria das axudas Supera21, cuxas bases está previsto que saian publicadas ao longo do mes de marzo. Segundo explicou o alcalde,  as bases están sendo consensuadas con todos os sectores económicos para que acheguen ideas que poidan ser recollidas na nova convocatoria. Asegurou que o prazo de solicitudes será máis amplo que o do ano pasado, co obxecto de “compensar a perda de capacidade económica de moitos sectores da economía de Pontevedra”.
  4. Investir no futuro: este apartado refírese á inxección de liquidez en obra pública e dos sectores produtivos mais importantes da cidade, co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza e simultaneamente xerar unha cantidade importante de postos de traballo grazas ao plan de investimento no que se recolle a dotación de equipamento, melloras de reurbanización e dotación servizos.

Convocatoria para a adquisición ordenadores

Tino Fernández presentou a convocatoria para a adquisición de ordenadores, que será aprobada proximamente en Xunta de Goberno local, coa previsión de que o prazo de solicitude comece en marzo. Segundo explicou esta liña nace co obxecto de paliar “a fenda dixital” que entre o alumnado puxo de manifesto o uso de plataformas dixitais por parte dos centros educativos, que se viron abocados a buscar alternativas ás aulas presenciais con motivo da irrupción da pandemia. Trátase, polo tanto de “corrixir o acceso desigual por parte do alumnado ás novas tecnoloxías e garantir un acceso máis equitativo e máis igualitario”.

A partida destinada a estas axudas ten un orzamento de 400.000 euros e a cuantía máxima da axuda será de 400 euros por ordenador. Subvencionarase a compra de ordenadores portátiles ou de sobremesa adquiridos entre o 14 de marzo de 2020 e o 31 de decembro de 2021, e o anticipo da axuda será do 100%.

As beneficiarias serán as familias empadronadas en Pontevedra con fillos e fillas menores de18 anos matriculadas no curso 2020-21 en centros de ensino público e o criterio económico terá en conta o número de membros da unidade familiar e a renda da familia, utilizando como elemento ponderador o salario mínimo interprofesional. Bonificaranse as familias monoparentais, as mulleres vítimas de violencia machista e os grandes dependentes.