Acordo entre Concello e Xunta para activar melloras nos servizos e bonificacións no transporte público na cidade a partir do segundo trimestre

125
  • Crearanse novas liñas que incrementarán as expedicións e a cobertura dos servizos 
  • En concreto, as novas liñas cubrirán os servizos Monte Porreiro-Xunqueira-estación de autobuses/estación de ferrocarril e Monte Porreiro-Montecelo-Praza de Galicia
  • O Concello deberá achegar un investimento de 146.000 euros ao ano para sufragar estes servizos, que requirirán da incorporación de 2 autobuses máis no contrato
  • O segundo convenio ten como finalidade establecer un sistema de bonificacións nos servizos internos no concello compatible co conxunto das viaxes do sistema de transporte público de Galicia e coa futura Área de Transporte de Galicia da Xunta 
  • A través deste acordo bonificarase un mínimo de 0,50 euros nas viaxes internas no termo municipal de Pontevedra e integramente todos os transbordos, cunha achega municipal de 145.000 euros ao ano

O Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia veñen de chegar a un acordo para activar melloras nos servizos e bonificacións no transporte público na cidade que estarán vixentes a partir do segundo trimestre do ano.

A través dun primeiro convenio de colaboración, que se firmará proximamente entre a Xunta e o Concello de Pontevedra, crearanse novas liñas de transporte público que incrementarán as expedicións e a cobertura dos servizos.  

A través deste acordo implantarase un servizo de transporte de interese municipal no concello de Pontevedra que substituirá  as liñas do contrato metropolitano, aumentando as expedicións e a lonxitude dos percorridos. 

Concretamente entrarán en funcionamento novas liñas que amplían a cobertura con mellores servizos: Monte Porreiro-Xunqueira-estación de autobuses/ferrocarril; e en sentido inverso: estación de autobuses/ferrocarril-Xunqueira-Monte Porreiro; e a liña Monte Porreiro-Montecelo-Praza de Galicia; e Praza de Galicia-Montecelo-Monte Porreiro, en sentido inverso. Neste sentido, convén salientar que os itinerarios destas liñas cubrirán todo o perímetro da cidade unindo todos os centros de atracción peonil, como centros sanitarios, administrativos, deportivos e o Campus universitario.

Estas liñas substituirán ás dos contratos de transporte interurbano actuais: estación de autobuses-Residencia Montecelo; estación de autobuses-estación de autobuses; Xofre de Tenorio-Monte Porreiro-Xofre de Tenorio; e Monte Porreiro-A Xunqueira-Xofre de Tenorio. 

O Concello deberá achegar un investimento de 146.000 euros ao ano para sufragar estes servizos, que requirirán da incorporación de 2 autobuses máis no contrato. O convenio estará en vigor desde que a súa sinatura e ata o 31 de decembro de 2024. 

A Xunta achega preto de 500.000 euros ao ano en concepto de obrigas de servizo público para o mantemento do contrato de transporte público do que forman parte as liñas obxecto o convenio co Concello de Pontevedra.

Por outra parte, o segundo convenio ten como obxectivo establecer un sistema de bonificacións tarifarias nos servizos internos, compatible co conxunto das viaxes no Plan de  Transporte Público de Galicia e coa futura Área de Transporte de Galicia na que está a traballar a Xunta. 

Este acordo permitirá bonificar como mínimo 0,50 euros en todas as viaxes internas no termo municipal de Pontevedra. Tamén se bonificarían integramente todos os transbordos realizados neste tipo de percorridos. 

O importe das bonificacións sería abonado polo Concello, supoñendo o investimento anual de 145.000 euros.

Estes descontos sumaríanse aos que xa se aplican por recorrencia grazas á implantación do Plan de Transporte Público de Galicia, resultando unhas tarifas medias inferiores ás actuais.

Viaxes gratis coa tarxeta ‘Xente Nova’

Ademais destes novos incentivos, os menores de 21 anos poderán viaxar gratis en autobús coa tarxeta Xente Nova que financia a Xunta.

Un total de 5.241 menores de 21 anos da área de Pontevedra viaxaron de balde o ano pasado no autobús interurbano grazas ao emprego da tarxeta Xente Nova implantada pola Administración autonómica na zona a mediados de 2020

De modo máis concreto, estes rapaces realizaron o ano pasado un total de 174.462 viaxes que supuxeron un importe de case 225.000 euros en bonificacións.

Nesta área, o concello de Pontevedra e o de Marín son os que suman máis tarxetas Xente Nova activas, con 2.449 e 1.221 respectivamente.

Este dispositivo, cuxo uso se estenderá nos vindeiros meses ao conxunto da comunidade, contribúe á economía das familias e facilita o acceso dos mozos a servizos básicos como a educación, especialmente á non obrigatoria

L2 Praza Galicia Monte Porreiro
L2 PrazaGalicia MontePorreiro
A4 MapaL1 Estacions MontePorreiro page 0001
L1 Estacions MontePorreiro