As obras do núcleo de centralidade parroquial de Tomeza estarán rematadas en maio

25
  • O alcalde e o concelleiro de Coordinación do Rural visitaron esta mañá os traballos, que teñen un orzamento de 466.464,47 euros e inclúen infraestruturas en Casal do Río e Lusquiños, así como unha conexión peonil entre ambos lugares
  • A obra está financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 

Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña, visitaron esta mañá os traballos que se están desenvolvendo nos lugares de Casal do Río e Lusquiños, co obxecto de conformar o núcleo de centralidade de Tomeza. “A idea é recuperar a convivencia nos núcleos rurais e intentar mellorar a calidade de vida de todos os veciños independentemente de onde vivan” asegurou o alcalde, quen lembrou que o proxecto inicial incluía actuacións tamén nos lugares de San Cibrán e San Pedro que finalmente houbo que retirar por non contar coa autorización de Patrimonio.

Así, actualmente estanse executando obras nunha área de Casal do Río e na contorna da Casa de Cultura de Lusquiños, así como unha senda peonil que une ambos lugares seguindo parte do trazado do Camiño de Santiago ao seu paso por esta parroquia. A actuación, adxudicada á empresa Oresa S.L. por un orzamento de 466.464,47 euros, está incluída dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral “Máis modelo Pontevedra”, financiada cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea. O prazo de finalización das obras está fixado para o 19 de maio, tras prorrogarse por un período de tres meses por mor das condicións meteorolóxicas, que produciron un retraso no seu desenvolvemento.

Fernández Lores lembrou que na zona de Casal do Río se está remodelando unha área que se destinará a parque infantil e instalacións deportivas. Tamén está previsto que se inclúa unha área de recreo cunha zona arborada e merendeiro, así como a sinalización do estacionamento e da parada de autobús, limitando un espazo para aparcar o bus escolar. Por último, instalarase un punto de auga e unha nova iluminación con proxectores para as pistas de xogo e morróns baixos para a zona do merendeiro. 

Mentres, na contorna da Casa da Cultura de Lusquiños actuarase na entrada do edificio diferenciando dous pavimentos: un de entrada directa ao Centro cultural, e un segundo de pedra do país. Aproveitarase un desnivel do terreo para crear un banco corrido, que estará conectado coa parte baixa da parcela a través de escaleiras e unha rampla. Tamén se mellorará a parte baixa da parcela con xabre consolidado onde se instalará unha churrasqueira e mellorarase o espazo infantil. 

Ademais da senda peonil que unirá ambos lugares, tamén se prevé a mellora do firme e calmado de tráfico en varios viais da parroquia, fomentando a mobilidade peonil e o desprazamento entre as dúas zonas nas que se está a actuar