Os clubs deportivos de Pontevedra desafían á LGTBIfobia no spot ‘Seareirxs da Diversidade’

88
  • As concellerías de Igualdade e de Deportes impulsan esta peza audiovisual, na que participan dez equipos da cidade, co gallo do Día Internacional contra a LGTBIfobia no deporte 

Coincidindo co Día Internacional da LGTBIfobia no deporte, o Concello de Pontevedra presentou hoxe o spot ‘Seareirxs da Diversidade’, que contou coa participación  de dez clubs deportivos da cidade pertencentes a disciplinas como fútbol, baloncesto, natación, ximnasia rítmica, taekwondo, esgrima ou balonmán. A peza audiovisual, impulsada polas concellerías de Igualdade e de Deportes, enmárcase dentro do programa municipal pola diversidade sexual ‘Pinto e Maragota’ e busca enviar unha mensaxe clara: a práctica deportiva está destinada a todas as persoas, sen ningún tipo de discriminación pola súa identidade ou orientación sexual, nin pola súa condición física, social ou cultural. 

Tal e como asegurou durante o acto de presentación celebrado na Sala de Prensa do Teatro Principal a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, o vídeo pretende realizar un chamamento a “formar parte dunha gran afección arredor do deporte como ferramenta de transformación, para construír unha sociedade máis xusta, inclusiva e respetuosa”. En presenza de deportistas e directivos de varios dos clubs participantes no spot, a edil socialista explicou que “o deporte é un dos espazos máis hostís para as persoas pertencentes ao colectivo LGBTIQ+, debido a que seguimos a ver nestas prácticas actitudes machistas e discriminatorias pola identidade, orientación sexual ou pola expresión de xénero d@s deportistas”.

WhatsApp Image 2021 02 19 at 12.44.57 1

Pola súa banda, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, asegurou sentirse “agradecido pola enorme receptividade e implicación que tiveron con este proxecto os equipos participantes: o Pontevedra Club de Fútbol, o Club de Baloncesto Arxil, a Sociedade Deportiva Teucro, o Cidade de Pontevedra Fútbol Sala, o Club Cisne Balonmán, a Sociedade Ximnástica Pontevedra, a Asociación Juan XXIII, o Club Treboada, o Club Escola Hungaresa de Esgrima Pontevedra e o Club Taekwondo Mace-Sport”. “O apoio tácito dos clubs a un deporte diverso que non discrimine por razón de orientación ou identidade sexual vai ser o xermolo da conduta moral dos nosos futuros deportistas. Os clubs de Pontevedra teñen abertas de par en par as portas a toda a comunidade LGTBIQ+ e pechadas a calquera tipo de discriminación” subliñou o edil do PSOE.

WhatsApp Image 2021 02 19 at 12.44.57

Justin Fashanu, o calvario do primer futbolista declarado publicamente homosexual

Yoya Blanco lembrou que “o Día Internacional contra a LGTBIfobia no Deporte conmemórase cada 19 de febreiro do británico Justin Fashanu, o primeiro futbolista profesional da historia en declararse homosexual ante os medios de comunicación, o que fixo que a súa vida se tornase un inferno, ningún adestrador quixese manter na súa plantilla durante demasiado tempo a Fashanu e os apupos do público se  volveran frecuentes dende os graderíos”. “Foi obxecto de burlas dos seus compañeiros tanto nos vestiarios como no campo, o que fixo que optase por retirarse ao non poder soportar o acoso ao que foi sometido. Suicidouse o 3 de maio de 1998”, narrou a edil do PSOE.

O acto de presentación do spot reivindicativo contou coa asistencia de Luis Santos Omil, da Asociación Juan XXIII; Maika Jarillo, do Club Treboada; Cristina Garrido, da Sociedad Ximnástica; Michele Estévez, do Club Escola Hungaresa de Esgrima Pontevedra; Cauë Herrera, da Sociedade Deportiva Teucro; e Francisco Abilleira, do Club Baloncesto Arxil. Segundo salientou Michele Estévez, “a elaboración deste vídeo é moi importante, non só para reflectir a presenza das mulleres no deporte, senón de todos e cada un dos membros que conforman o colectivo LGTBIQ+”.

O spot ‘Seareirxs da Diversidade’ xa pode visualizarse na canle de Youtube do Concello de Pontevedra a través do enlace: