A exposición #eusonLoureiro achega a historia do barrio a través do comercio

47
  • A evolución urbana en imaxes, a historia de lugares emblemáticos como o Campo do Progreso, a antiga fábrica de Gaseosas El Ama, a discoteca Eqqus ou os fielatos pode seguirse a través dos escaparates da rúa 
  • Tamén se recolle a biografía do doutor José Loureiro Crespo e a actividade deportiva que a comezos do século pasado se desenvolvía no barrio ao redor do equipo da Eiriña e dos dous equipos de hóckey

A campaña #eusonLoureiro, deseñada co obxecto de promover o comercio durante as obras de reforma desta rúa, continúa coa última das accións deseñadas: a instalación dunha exposición nos escaparates dos comercios da contorna para dar a coñecer a historia e a memoria do barrio. Convén lembrar que a campaña, posta en marcha desde a Concellaría de Obras Urbanas, que xestiona Demetrio Gómez, comezara a finais do pasado ano coa colocación de totéms na rúa indicando os negocios e a súa tipoloxía, dous roteiros para coñecer o barrio e a súa historia e, durante o período de  Nadal, os comercios agasallaron aos clientes cunha pulseira co lema #eusonLoureiro.

A exposición #eusonLoureiro, tal e como estaba previsto, está formada por cartaces instalados nas cristaleiras dos comercios e fai un extenso percorrido pola historia recuperando a biografía de  diferentes persoeiros, lugares e negocios emblemáticos xa desaparecidos, a importancia da actividade deportiva vinculada ao Campo do Progreso e a evolución urbana do barrio.

No ano 1953, o Concello de Pontevedra acorda poñerlle o nome de Loureiro Crespo á rúa que vai deste o tramo da avenida de Lugo ata a rúa Benito Corbal, polo que a biografía deste doutor ocupa un lugar importante na exposición. Así, recóllese que José Loureiro Crespo (1881-1961) foi un médico e político republicano, concelleiro entre 1912 e 1919, que destacou por defender melloras para Mourente, A Seca e o Burgo en materia de sanidade pública. Foi ademais impulsor do alumeado público na Santiña, da escola pública de Mourente ou da regulación da venda de hortalizas e verduras nos quioscos da praza de Indalecio Armesto (actual praza da Verdura). Tamén foi director interino do hospital provincial de Pontevedra e secretario do Colexio Médico Provincial.

A mostra tamén fai un percorrido por establecementos emblemáticos xa desaparecidos, como a fábrica de gaseosas El Ama, que segundo se explica, foi unha das cinco marcas de gaseosa que existían en Pontevedra ao redor de 1948. Entre as anécdotas que recolle a exposición figuran o insólito que resultaba a elegancia dos traballadores da fábrica que vestían traxe e garabata, así como a ausencia de fotografías das traballadoras. 

O solar que acollía a fábrica de gaseosas deu paso ,a finais da década de 1970, á mítica discoteca Eqqus. Á inauguración, o 25 de maio de 1979, asistiron 3.500 persoas entre os que se contaban o comentarista deportivo José María García e o futbolista do Real Madrid, Amancio Amaro Varela, que coincidiran co Trío Acuario no avión que os traía desde Madrid para participar na festa inaugural. Os paneis recollen que o Trío Acuario estaba composto polas azafatas do popular programa de televisión ‘Un, dos, tres’ e que o mestre de cerimonias daquela noite fora o cantante madrileño Micky.

O Campo do Progreso, situado entre as rúas Joaquín Costa, Cobián Areal, a estrada de Ourense e o final da rúa Progreso, ocupa boa parte da mostra por acoller un importante número de acontecementos culturais e deportivos ao aire libre. O fútbol ocupou un lugar destacado, sobre todo no relativo ao equipo da Eiriña e o seu xogador estrela ‘Fariña’, do que se inclúen unha fotografía e un debuxo realizado por Castelao. Tamén se recollen sendas imaxes da década de 1930 dous dous equipos de hóckey, masculino e feminino, que foron dos primeiros equipos deste deporte en Galiza. 

Tamén o Campo do Progreso é escenario da visita, en 1934, do ‘Grandioso Circo Carl Hagenbeck’, que chegou á estación de Campolongo (praza de Galicia) e atravesou a cidade ata o Campo do Progreso nunha gran caravana arrastrada por elefantes. Explícase que este circo incluía gran cantidade de animais salvaxes do famoso parque zoolóxico de Stellingen-Hamburgo.

Completan a mostra un panel sobre os fielatos, que eran establecementos situados nos accesos ás cidades nos que se cobraban impostos ás persoas que traían mercadorías para vender na vila; un panel sobre Ernesto Caballero que, entre outras accións, dirixiu a fábrica da luz (actual Casa da Luz na praza da Verdura), o laboratorio municipal e a estación meteorolóxica; e unha selección de fotografías desde a década de 1970 ata a actualidade que amosar a evolución urbana do barrio.

Os cartaces están colocados nos seguintes establecementos: Engel & Volkers, A Devesa, Tendencias Floristas, Chilindres, Farmacia Pontus Veteris, Hipercor, Administración de Loterías nº 7, Qka Muebles, Carlos Conde Peluquería, Tobico Zapaterías, Comercial MC, A Ferrolana Alimentación, Librería Luna Nueva, Aquelarre, O Remendeiro, Peluquería Nardi, Peluquería LowCost