Aprobado o Orzamento municipal máis elevado da historia de Pontevedra

24

Onte publicouse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra o anuncio de aprobación definitiva do Orzamento municipal para 2021 cunhas contas que superan os 80 millóns de euros.

Será a primeira fase do Plan SUPERA que incorporará no mes de abril os remanentes do Orzamento de 2020, arredor de 20 millóns de euros, os fondos europeos de reconstrución que xa estuda o Goberno local, e os case 60 millóns de investimento do contrato da auga destinado case na súa integridade ao rural.

O Orzamento municipal para 2021 está aprobado dende onte logo da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. As contas ascenden a 80.734.300 euros as máis alta da historia do Concello, e completaranse no mes de abril cando se faga a incorporación de remanentes procedentes das contas de 2020. Aínda que o dato concreto non se coñece, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores xa adiantou que superará os 20 millóns de euros.

Miguel Anxo Fernández Lores aclarou na presentación das contas xerais de 2021 que son “os orzamentos da reactivación económica e consideramos que todas as administracións teñen o deber de facer un esforzo para inxectar cartos na economía, que é a mellor forma de xerar emprego e riqueza”.

O Goberno local xa ten informado de que este orzamento é a primeira fase do Plan SUPERA. Este plan estará conformado polo Orzamento xeral de máis de 80 millóns; unha segunda fase na que se incorporarán os remanentes de 2020 cunha cifra superior aos 20 millóns de euros; e unha terceira fase que serán os fondos europeos de reconstrución, que xa está a estudar o Goberno Local. Nesta liña de investimentos, o Goberno non quere deixar atrás os 58 millóns de euros que xera o contrato da auga e que están destinados, fundamentalmente, a mellorar as redes de saneamento e abastecemento do rural pontevedrés.

“É unha inversión catro veces maior á media dos últimos anos. É un esforzo moi grande que xerará arredor de 2.000 postos de traballo”, como xa ten adiantado o alcalde Fernández Lores.

Orzamento de 2021

Ao respecto das grandes cifras do Orzamento 2021, o capítulo de ingresos increméntase en 1.328.000 euros e mantéñense por sétimo ano consecutivo as taxas e os impostos conxelados, sen incremento do IPC. O incremento débese ao aumento da actividade económica, da poboación e polo traballo feito actualizando os censos coa idea de buscar a equidade fiscal.

Contempla un incremento do gasto corrente, sobre todo, coa incorporación do Pazo da Cultura ao organigrama municipal, e polos gastos derivados da Covid que superan o millón e medio de euros en limpezas de parques e xardíns, de centros de ensino, de dependencias municipais, do espazo público, da merca de epis para o persoal, da atención domiciliara ás persoas, a reforma de dependencias municipais para adaptarse aos novos tempos…

Nos case 13 millóns de euros de investimento están incluídos proxectos de accesibilidade rural e urbana, actuacións no Centro Sur, o proxecto de Mollavao, investimentos en xardíns e zonas verdes, ou as axudas SUPERA que estarán financiadas neste primeira fase do Orzamento cun millón de euros para a actividade económica (600.000 euros) e ás familias (400.000 euros).

O capítulo de persoal incorpora o incremento do 0,9% que fixan os Orzamentos Xerais do Estado.