O plan para adaptar a seguridade dos parques infantís da cidade á normativa europea avanza coa renovación da área de xogos de Tafisa

39
  • A Concellería de Desenvolvemento Sostible destina unha achega económica de 4.200 euros ás obras de acondicionamento e reparación desta zona de lecer infantil, realizadas pola firma Instala
  • A actuación incluíu a restauración do rocódromo, a rampla de acceso e as mallas de cordas, a substitución dun balancín de resorte e o arranxo de parafusos, proteccións e pezas metálicas e de madeira

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, segue adiante co seu plan para que tódalas áreas de xogo de Pontevedra cumpran coas normativas europea e autonómica en materia de seguridade e poidan certificarse anualmente pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC). Trala renovación integral do espazo de lecer da Cidade de Pedra hai unhas semanas, o Servizo Municipal de Parques e Xardíns vén de rematar nestes días os traballos de reparación e acondicionamento do parque infantil situado nos antigos terreos de Tafisa.

As actuacións, executadas pola empresa Instala cunha achega económica de 4.200 euros, traducíronse na restauración do rocódromo da zona de xogos, o arranxo da rampla de acceso, a renovación das mallas de cordas para trepa e a restitución das proteccións laterais dunha pequena torre. Asemade, retiráronse e substituíronse tódolos elementos que se atopaban deteriorados e cambiouse un dos xogos de resorte por un novo balancín con repousapés dobre.

“Tamén se revisaron tódolos parafusos e pezas metálicas do parque e reemprazáronse aqueles que estaban danados ou en malas condicións e fíxose o mesmo con algún poste ou elemento de madeira deteriorado. En definitiva, levouse a cabo unha restauración integral seguindo, unha vez máis, os criterios que nos marca a firma especializada STO (Soluciones Técnicas de Ocio), contratada polo Concello para auditar as condicións de seguridade de tódalas zonas de xogo da cidade, verificar que respectan a normativa europea UNE-EN 1176 e o Decreto autonómico 245/2003, valorar as reparacións necesarias e emitir os certificados da ENAC cando cumpren con esas directrices”, sinala Iván Puentes.

Tanto esta remodelación como a que se levou a cabo na Praza 8 de Marzo e a que se está a executar no parque infantil da Praza de Europa (dotado dunha tirolina de 20 metros), así como tódalas que a Concellería de Desenvolvemento Sostible acometerá en adiante, susténtanse pois en informes que poñen o acento na corrección daqueles elementos que poidan supoñer un risco para a integridades dos nenos e nenas. As inspeccións e medicións dos técnicos de STO buscan conseguir os máximos estándares de calidade e seguridade para os parques infantís de Pontevedra, coa finalidade de evitar que se produzan accidentes como atrapamentos de cabezas e pescozo en buratos do mobiliario e elementos de xogo, contusións ou feridas por caídas ou aprisionamentos de dedos nas cadeas dos bambáns.