Pontenciencia abre esta semana o seu programa para 2021 cos obradoiros de formación en método científico Ciencia no Cole e Ciencia en Familia

107
  • Tino Fernández constata que xa se inscribiron na VIII Feira da Miniciencia de Pontevedra os colexios Froebel, Sagrado Corazón, San Martiño, San Benito de Lérez, Xeve e Barcelos
  • A Semana de Pontenciencia celebrarase en tódolos centros participantes entre o 31 de maio e o 4 de xuño. O xurado desprazarase para escoitar as presentacións dos traballos

Os obradoiros de formación en método científico Ciencia no Cole e Ciencia en Familia abrirán esta semana o programa de actividades deseñado pola Concellería de Educación no marco da VIII Feira da Miniciencia de Pontevedra: Pontenciencia 2021, impulsada polo Concello en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, dentro da convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación. O departamento que dirixe o tenente de alcalde, Tino Fernández, xa remitiu aos centros escolares as bases para participar tanto na feira como nos Premios de Investigación ‘Homenaxe á Muller Investigadora’ 2021, confirmándose ata a data a inscrición de seis colexios: os CEIP Froebel, San Martiño (Salcedo), San Benito de Lérez, Santo de André de Xeve e Praza de Barcelos e o CPR Sagrado Corazón de Pontevedra.

O concelleiro de Educación avanza que Pontenciencia, cuxo obxectivo principal é fomentar o pensamento científico e investigador entre os máis novos a través de investigacións científicas, tecnolóxicas ou documentais, “traerá na edición deste ano algunhas novidades, entre elas a celebración do evento en tódolos centros participantes, co desprazamento do xurado ata os colexios para ver e escoitar as exposicións dos traballos, e a organización de actividades de divulgación nas escolas”. “A Semana de Pontenciencia desenvolverase nos centros de ensino entre o 31 de maio e o 4 de xuño -sinala Tino Fernández- e para iso montaranse stands ou adaptaranse espazos dispoñibles para realizar neles a feira”.

Outra das novidades consistirá en que os proxectos non se presentarán ao público, senón unicamente ante un xurado, divulgándose os resultados a través de medios dixitais e presenciais, na medida en que se estime oportuna, nos propios centros. O día 5 de xuño entregaranse os diplomas acreditativos da participación e os premios nun acto ao que só asistirán os representantes dos colexios.

O tenente de alcalde afirma que “nesta fase de Pontenciencia 2021 os centros educativos deben ler as bases, consultar tódalas dúbidas (poden organizarse reunións explicativas cos docentes interesados), remitir as súas inscricións previas, iniciar as investigacións a presentar, solicitar opcionalmente información, apoio ou acompañamento e asistir aos obradoiros de formación en método científico”. “Ao longo das vindeiras semanas se irán concretando o resto de accións previstas en Pontenciencia 2021. Agardamos que se vaia animando a inscribirse algún colexio máis”, apunta o edil do PSOE.

Sesións de 50 minutos por clase participante

Os obradoiros de formación en método científico Ciencia no Cole levaranse a cabo de xeito presencial nos propios centros educativos (tamén poderán ser online no caso de que así se solicite), con sesións que terán unha duración de 50 minutos por clase participante de 5º ou/e 6º curso. Segundo indica Saleta González, coordinadora da Feira da Miniciencia, “a nosa experiencia indícanos que en clases individuais temos mellores resultados”. “As datas propostas para impartir os talleres -aclara- son o mércores 24 de febreiro, o venres 26 de febreiro, o martes 2 de marzo, o xoves 4 de marzo, o luns 8 de marzo, o mércores 10 de marzo e o venres 12 de marzo. Desenvolveranse por estrita orde de inscrición”.

As familias interesadas en participar nos obradoiros gratuítos de Ciencia en Familia poderán facelo tamén de xeito presencial (ou online, no caso de requirilo) nas seguintes datas e horarios: mércores 24 de febreiro, de 17:00 a 18:30 horas; venres 26 de febreiro, de 17:00 a 18:30 horas, sábado 27 de febreiro, de 10:30 a 12:00 horas, luns 1 de marzo, de 17:30 a 19:00 horas, e xoves 4 de marzo, de 18:00 a 19:30 horas. 

Tino Fernández lembra que Pontenciencia está orientado a alumnado de ESO, FP ou Bacharelato dos centros educativos públicos ou concertados de Pontevedra e que os Premios de Investigación ‘Homenaxe á Muller Investigadora’ 2021, abertos a traballos de temática libre seguindo os pasos do método científico ou proxectos tecnolóxicos, “están dotados con galardóns económicos de 300 euros”.

Todos aqueles interesados en obter máis información sobre o evento e os premios, poden facelo a través do teléfono 606 128 293, o email info@equilaterodsc.com e o enlace web ‘http://educacion.pontevedra.gal/pontenciencia’. As inscricións deberán realizarse ata o día 10 de maio na dirección de correo electrónico educacion@pontevedra.eu.