A proposta de Pontevedra para creación dunha gran vía verde tamén entusiasma aos concellos de Vilagarcía, Caldas de Reis, Portas e Barro

56
  • Os socialistas Tino Fernández e Iván Puentes subliñan “a absoluta sintonía dos concellos implicados” cun proxecto que servirá como motor de sinerxías turísticas e económicas para a nosa provincia
  • O concelleiro de Desenvolvemento Sostible traslada aos responsables políticos dos outros municipios os trazados elaborados polo colectivo veciñal Pedaladas e o Servizo Municipal de Deportes

Unha absoluta simbiose, á marxe de cores políticas, definiu o cumio de alcaldes, tenentes de alcalde e concelleiros celebrado esta mañá no Salón de Plenos do Concello de Vilagarcía para impulsar a creación dunha gran vía verde que conecte a xa existente no Salnés coa rede de sendas de Pontevedra a través de Portas, Caldas de Reis e Barro. Durante o encontro, o tenente de alcalde, Tino Fernández (PSOE), e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes (PSOE), trasladáronlles aos responsables políticos dos outros municipios implicados no proxecto, para que os estuden, os trazados peonís e ciclistas propostos polo colectivo veciñal Pedaladas e mailos técnicos do Servizo Municipal de Deportes para enlazar, polo norte, Vilagarcía-Portas con Pontevedra e, polo sur, coa futura vía verde entre a nosa cidade, Vilaboa, Ponte Sampaio e Arcade (sumando uns 40 kilómetros).

A reunión tivo como anfitrión ao concelleiro de Turismo de Vilagarcía, Álvaro Carou (PSOE), e contou coa presenza do alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey (PSOE); o rexedor de Barro, Xosé Fernández Abraldes (BNG), e o tenente de alcalde de Portas, Alfonso Vázquez (PP). Trala mesma, Iván Puentes, un dos principais artífices do proxecto, amosouse entusiasmado pola “boa sintonía e espírito de colaboración total existente entre tódolos concellos implicados, concellos de diferente cor política, pero que decidimos traballar unidos e que facemos o que a cidadanía nos reclama, que é colaborar e loitar para dotar a estes municipios e a estas comarcas dunha infraestrutura que ademais de seren un recurso natural, ten que ser un motor de actividade económica e de emprego para tódolos concellos que vai atravesar”.

Tal e como asegurou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible de Pontevedra, “as vías verdes son infraestruturas que reciben milleiros e milleiros de visitantes tódolos anos noutras zonas do estado e de Europa, con xente que se despraza para percorrelas, e se somos capaces de ofrecer a corto prazo unha vía deste tipo, coa paisaxe que temos nas Rías Baixas, seremos capaces de atraer tamén a milleiros de visitantes que se sumarán aos que se trae o Camiño de Santiago e que porán o seu grao de area na recuperación económica e a xeración de emprego que teremos que afrontar nestes momentos”. 

“O que procede agora é que os concellos estuden eses trazados deseñados polo colectivo Pedaladas e, no caso do termo municipal de Pontevedra, polo Servizo de Deportes, -indicou o edil- que discorren esencialmente polas rutas do Camiño de Santiago e por pistas da concentración parcelaria. Démonos un prazo duns 15 días para que poidan analizar si existe algunha dificultade e, a partir de aí, iniciaríamos contactos con outras administracións para, ao igual que aconteceu coa Vía Verde do Salnés, poder contar coa súa colaboración para facer realidade unha proposta que xa é algo máis que un soño destes catro concellos”.

Tino Fernández califica o proxecto como “unha gran oportunidade” 

Nesta mesma liña, Tino Fernández calificou de “gran oportunidade” este proxecto, que axudaría aos concellos “a achegarse entre eles e a xerar unhas sinerxías turísticas e de lecer moi importantes”, e aplaudiu a disposición de tódolos concellos, xa que “a capacidade facer forza ante outras administracións é maior se todos actuamos en común”. Segundo apuntou, “o esencial é transmitirlle á cidadanía e ás administracións que hai unha proposta en común de varios concellos que queren traballar xuntos para favorecer o lecer e a diversión das persoas e para atraer a un tipo de turismo que sen dúbida nos interesa a todos”. “En Pontevedra estamos empeñados en mellorar a mobilidade e en trasladarlles ás persoas a necesidade de empregar estas redes de sendeiros non só para moverse, senón tamén para mellorar a súa condición física. Queremos que se animen a camiñar e a pasear para mellorar a súa saúde e a súa calidade de vida”, indicou o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde de Pontevedra.

O tamén socialista Álvaro Carou constatou que, aínda que a vía ferroviaria en desuso que existía chegaba unicamente ata Portas, “dende que o Concello de Vilagarcía comezou a traballar na Vía Verde do Salnés, hai varios anos, ata que se fixo realidade, sempre tivemos en mente poderlle dar unha maior continuidade”. O concelleiro de Turismo de Vilagarcía considera que o traballo que se está a realizar por parte da Concellería de Desenvolvemento Sostible de Pontevedra e as alternativas presentadas por Pedaladas “constitúen unha idea fantástica e que nos produce moita alegría”. Na súa opinión, “á vista de todos está que a Vía Verde do Salnés foi un auténtico éxito e que estivo chea día tras día dende a súa inauguración de xente, familias, bicicletas…”.

“Agora máis que nunca, por mor da pandemia, traballamos nun turismo activo e de natureza. A cidadanía precisa aire libre e osixenarse e este tipo de infraestruturas son básicas, fundamentais e perfectas. A sintonía entre concellos é absoluta e, dende o primeiro momento en que nos puxemos a falar, todos puxeron da súa parte”, apuntou Carou.

Un turismo verde, sostible e de calidade

Para o alcalde de Barro, Xosé Fernández Abraldes, a creación dunha gran vía verde “é unha idea moi boa”, xa que “a pandemia obrigou á xente a facer actividades no seu contorno e ademais a facelas dun xeito seguro, e é unha marabilla ver os nosos concellos cheos de persoas percorrendo zonas e rutas alternativas que antes non pisaba case ninguén”. Ao seu modo de ver, “tanto para os veciños que viven nesta zona como para os posibles visitantes, este tipo de iniciativas de turismo verde sempre resultan moi positivas”.

Pola súa banda, o rexedor socialista Juan Manuel Rey aseverou que “a Caldas lle parece estupendo” este proxecto, no que este concello estivo implicado e “foi pioneiro”. “Co paso do tempo se nos está a dar a razón en algo que consideramos fundamental para a dinamización turística, a potenciación do Camiño de Santiago e a posta en valor de toda a comarca. Apostamos por un turismo sostible e de certa calidade”, engadiu o rexedor.

Alfonso Vázquez asegurou que “hai moi boa sintonía e que Portas se suma e está comprometida con esta ampliación da vía verde, porque nos parece un proxecto súper importante”. A falta dun estudo máis pormenorizado, o tenente de alcalde ‘popular’ ve “factible” a conexión dos catro concellos mediante as propostas de trazado plantexadas por Pontevedra, “cun treito relativamente pequeno que discorre por Portas”.