As obras de construción do novo campo de fútbol de Salcedo iniciaranse este verán e terán un prazo de execución de dez meses

32
  • A Concellería de Deportes recibe autorización da Consellería de Medio Rural, a última que quedaba pendente para poder poñer en marcha o procedemento de adxudicación dos traballos
  • O tenente de alcalde, Tino Fernández, agarda que o terreo de xogo, no que se investirán máis de 1,6 millóns de euros, “estea dispoñible para estrearse na tempada de 2022-2023”

O proxecto de construción do novo campo de fútbol de Salcedo acaba de recibir autorización da Consellería de Medio Rural, a última que lle quedaba pendente ao Concello para poder poñer en marcha o procedemento de adxudicación das obras. A Oficina Municipal de Medio Ambiente, Infraestruturas e Enxeñería (OTMAIE) remitirá nos vindeiros días ao Servizo Municipal de Contratación os pregos de condicións técnicas para sacar a licitación os traballos, que terán un prazo de execución de dez meses.

Segundo constata o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “dada a contía económica das actuacións, nas que se investirán máis de 1,6 millóns de euros, os pregos deberán publicarse tanto no Boletín Oficial do Estado (BOE) como no Diario Oficial da Unión Europea”. Dado que os trámites de adxudicación poderían prolongarse durante uns tres meses, o edil do PSOE estima que “as obras darán comezo este verán, polo que o campo de fútbol de Salcedo debería poder estrearse na tempada 2022-2023”.

O Concello de Pontevedra deu luz verde en outubro do ano pasado á recepción dos 14.800 metros cadrados de terreo cedidos pola Mancomunidade de Montes nas inmediacións das instalacións militares da Brilat. A creación desta infraestrutura deportiva é froito dun convenio de colaboración coa Deputación, polo que a institución provincial lle outorgará á Administración municipal unha subvención polo custe total do proxecto.

Para a súa construción foi necesario solicitar autorizacións á Axencia Estatal de Seguridade Aérea (para levantar as torres de iluminación do campo, que terán unha altura de 24,61 metros), ao Ministerio de Defensa e á Consellería de Medio Rural, así como un informe positivo do arqueólogo municipal Xoán Carlos Castro (pola existencia de petróglifos nas proximidades da parcela). “Tralo visto e prace da Xunta, xa contamos tódolos permisos necesarios, o que supón un enorme paso adiante para axilizar os farragosos trámites administrativos”, subliña Tino Fernández.

Un campo de herba artificial de 100×58 metros

O campo de fútbol de Salcedo, deseñado polos arquitectos Jorge Santos, José Carlos Mera (de Santos y Mera Arquitectos SLP) e Gustavo Pérez, terá unhas dimensións de 100×58 metros e o pavimento de herba artificial deberá superar os parámetros de durabilidade máis esixentes e ter unha resposta deportiva das máis altas prestacións homologables pola FIFA. O proxecto propón un conxunto de novas edificacións que integra tódalas instalacións que require o terreo de xogo, catro vestiarios para xogadores, dous vestiarios para árbitros, almacéns e unha bancada elevada. 

Aínda que os terreos nos que se construirá o campo de fútbol estaban clasificados como rústicos e de protección forestal dende 2011, a Xunta da Mancomunidade de Montes acordou en 2019 a súa cesión ao Concello para uso deportivo, polo que era preciso que a Xunta de Goberno Local aprobase a súa recepción. No que atinxe á autorización en materia de servidumes aeronáuticas, Aesa informou ao Concello da súa decisión de permitir a construción do campo de fútbol e a instalación das torres de iluminación, ao entender que non vulneran as servidumes aeronáuticas establecidas para o Aeroporto de Vigo.