O Concello amplía o ámbito de Composta á Moureira, Rosalía de Castro e avenida de Vigo

35

Os 20 novos colectores estarán colocados a partir do 8 de marzo. Farase unha campaña informativa no novo ámbito con carteleira e visitas aos domicilios para entregar os caldeiros e as bolsas biocompostables.

Raimundo González destaca “a velocidade cruceiro” que ten o programa de compostaxe nas súas tres modalidades (individual, comunitaria e en colector) a pesar das dificultades que supón as restriccións da Covid.

O concelleiro responsable da xestión dos residuos, Raimundo González presentou esta mañá a ampliación do Plan Composta, de implantación e recollida de biorresiduos en colectores marróns na cidade. Na actualidade os colectores do Plan Composta están nunhas 40 rúas da cidade, e con esta nova ampliación incorporaranse 30 rúas máis, recollendo o groso da Moureira tradicional, o ámbito de Rosalía de Castro-Manuel del Palacio, e parte da avenida de Vigo.

A ampliación porase en marcha a partir do 8 de marzo. A previsión é que a empresa coloque os 20 novos colectores na rúa na fin de semana do 6-7 de marzo. Na actualidade están instalados 60 colectores.

A ampliación do Plan Composta chega á Moureira tradicional, dende Arcebispo Malvar até a rúa Echegarai e a avenida do Uruguai. 

No ámbito de Rosalía de Castro chegará até Manuel del Palacio que tamén se incorpora á recollida ao igual que un tramo da avenida de Marín.

E no ámbito da avenida de Vigo, a recollida chegará a varias rúas perimetrais como Xermán Adrio ou a propia avenida de Vigo até sanidade, aproximadamente.

Previa á colocación dos colectores, o departamento de Residuos volverá a facer unha campaña de informativa e de concienciación nos domicilios incluídos nesta nova fase. Está prevista a colocación de carteleira por todos os edificios e a entrega de polípticos.

Seguidamente farase unha campaña porta a porta con visitas aos domicilios nos que se lles dará información, unha tarxeta magnética, un caldeiro e bolsas biocompostables. A evolución da pandemia determinará o arranque destas visitas.

Todas aquelas persoas que queiran iniciar o proceso poden atopar máis información na web composta.pontevedra.gal onde poderán contactar coa empresa que xestiona o servizo e facer a súa petición dixitalmente, sen agardar á visita ao domicilio.

Raimundo González destacou que, a partir do 8 de marzo, o sistema de recollida a través do colector marrón estará “a Pontevedra máis compacta”, e están a estudo zonas pendentes de implantar como a praza de Barcelos na que os veciños e veciñas pediron os dous sistemas de compostaxe (comunitaria e colector marrón). O servizo está a estudar cal sería o sistema idóneo para esta zona.

Programa de compostaxe

O concelleiro afirmou que o programa de compostaxe está funcionando ben e na actualidade xa están repartidos arredor de 3.000 composteiros individuais nas parroquias do rural; están instalados 28 centros de compostaxe e ampliarase con 8 centros máis, e agora amplíase a ruta de recollida do colector marrón: composta.

“Avanzamos ben. O sistema está en velocidade de cruceiro tendo en conta a situación sanitaria que se está a vivir”, explicou Raimundo González quen indicou que a Covid impide facer reunións nas parroquias, encontros con veciños para implantar a compostaxe comunitaria ou, incluso, houbo que suspender nalgunha ocasión a campaña porta a porta de Composta.