Desenvolvemento Sostible inicia os traballos de renovación integral do parque infantil da Seta

12
  • O departamento que dirixe Iván Puentes destinou 6.700 euros a esta actuación, que inclúe a mellora do amortecemento do pavimento e a substitución dos elementos de xogo, mobiliario e papeleiras
  • A actuación está a ser executada pola empresa Garocaprim SL e tamén contempla un tratamento das pezas de madeira con pintura especial para prolongar a vida útil deste espazo de lecer

No marco do plan do socialista Iván Puentes para que tódalas áreas de xogo de Pontevedra cumpran coas normativas europea e autonómica en materia de seguridade e poidan certificarse anualmente pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) e despois de impulsar obras nos espazos de lecer da Cidade de Pedra e Tafisa, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural iniciou esta mañá os traballos de renovación integral do emblemático parque infantil da Seta, situado no barrio de Campolongo (na traseira da residencia da terceira idade, entre a rúa Iglesias Vilarelle e a avenida María Victoria Moreno).

Os traballos, que está a executar a firma especializada Garocaprim SL cun orzamento de 6.700 euros, suporán unha mellora da capacidade de amortecemento do pavimento (de cara a optimizar a seguridade dos pequenos), que se atopaba nunha situación irregular e afectado por fochancas en varios puntos. Tal e como explica o concelleiro Iván Puentes, “o primeiro paso consistiu precisamente no levantamento, coa axuda dunha máquina retroescavadora, de todo o pavimento de terrizo e area, así como na retirada das zonas con vexetación e herbas, descompactando e aplicando unha capa de area de 40 centímetros de espesor que deixará o chan en perfectas condicións para amortecer calquera impacto”.

O proxecto tamén contempla a retirada de tódalas pezas de madeira que presentan deterioracións e podremias, construíndo unhas novas para cambialas, e a substitución de pezas metálicas por outras en aceiro inoxidable. “Tamén se substituirán o mobiliario e as papeleiras e renovaranse as estruturas e elementos de xoga coas que conta o parque da Seta: un tren de madeira, unha torre, un tobogán e os asentos dos balancíns de resorte”, sinala Iván Puentes.

Estas obras, que estarán rematadas na vindeira semana, completaranse cun tratamento de pintura especial para madeira, que prolongará a vida útil do parque infantil e dilatará a necesidade de facer reparacións.

Os traballos de reforma estanse a levar a cabo seguindo os criterios marcados pola empresa STO (Soluciones Técnicas de Ocio), contratada polo Concello para auditar as condicións de seguridade de tódalas zonas de xogo da cidade, verificar que respectan a normativa europea UNE-EN 1176 e o Decreto autonómico 245/2003, valorar as reparacións necesarias e emitir os certificados da ENAC cando cumpren con esas directrices. As inspeccións e medicións dos técnicos de STO buscan conseguir os máximos estándares de calidade e seguridade para os parques infantís de Pontevedra, coa finalidade de evitar que se produzan accidentes como atrapamentos de cabezas e pescozo en buratos do mobiliario e elementos de xogo, contusións ou feridas por caídas ou aprisionamentos de dedos nas cadeas dos bambáns.