A fórmula do 8M para acabar co machismo: ‘Feminismo para cambiar o mundo’ e rachar para sempre os teitos de cristal

670
  • Uns Faladoiros Literarios Feministas e un graffiti da artista urbana Sax forman parte do programa de actividades deseñado pola Concellería de Igualdade en torno ao Día da Muller

“Neste ano de restricións sanitarias, quero agradecer expresamente aos colectivos feministas a súa loita e a enorme responsabilidade que tiveron fronte aos ataques indiscriminados que as mulleres estamos a sofrer por parte do fascismo e a ultradereita machista”. Así de contundente se amosou hoxe a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, durante a presentación das actividades organizadas polo Concello de Pontevedra con motivo da conmemoración do 8M  (Día da Muller), e que este ano terán como lema central ‘Feminismo para cambiar o mundo’.

O acto, que tivo lugar na Sala de Prensa do Teatro Principal, participaron, ademais de Yoya Blanco, a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos; a axente de Igualdade do CIM Mercedes Renda, e a artista gráfica Maru Astray. Tal e como expresou a edil socialista, a campaña deste ano fai fincapé “na necesidade de algo tan esencial como rachar os teitos de cristal”, xa que “xa que esta pandemia amosou unha vez mais que as mulleres seguimos estando a cargo dos coidados dos fillos e dos maiores na casa mesmo co teletraballo, e temos a maior precariedade laboral nestos tempos de ERTE, despidos, peches de empresas”.

“Temos que dicir alto e claro que nos non imos frear, que imos seguir loitando polos nosos dereitos. As persoas demócratas, que cremos nunha sociedade xusta e igualitaria, temos que ser feminista. Non caben medias tintas, máxime cando dende o CIM se nos informou dun importante incremento das violencias sexuais durante o ano pasado”, afirmou Yoya Blanco. Segundo asegurou, “este ano a pandemia impedirá que se celebren manifestacións tan multitudinarias como as de anos anteriores (cabe a posibilidade de que se celebren concentracións que cumpran coas restricións sanitarias), pero as demandas feministas seguirán estando presentes con máis forza e sororidade que nunca a través dun programa de actividades que se estenderá ao longo de todo o mes de marzo e mesmo ao de maio”.

Os actos do 8M darán comezo o venres día 5 de marzo coa lectura dun manifesto e a presentación dunha Campaña Gráfica Conmemorativa na Sala de Prensa do Principal. A encargada de redactar e ler o manifesto será a xornalista Susana Pedreira, mentres que a presentación da Campaña Gráfica estará en mans da ilustradora e deseñadora galega Maru Astray. A artista seguiu unha liña de imaxe potente, reivindicativa e chocante, cunha estética xuvenil.

A continuación, nesta mesma xornada, despregarase unha lona co lema e as creatividades deseñadas para o 8M deste ano no balcón da Casa Consistorial (Praza de España), que irá seguida da distribución de carteis por establecementos comerciais, edificios públicos e mupis.

Os mércores 10 e 17 de marzo celebraranse, en colaboración coa Uned de Pontevedra, uns Faladoiros Literarios Feministas que, como avanzou Mercedes Renda, “serán emitidos para toda España e Latinoamérica”. A primeira mesa redonda estará moderada pola xornalista Ana López (Faro de Vigo) e terá como protagonistas a Luz Darriba e Iria Vázquez Silva, que presentarán os seus libros ‘Abril’ e ‘Cómplices. A Violencia Machista Institucional’. A concelleira de Igualdade precisou que “o faladoiro do 17 de marzo terá como moderadora á xornalista Sara Vila (Diario de Pontevedra) e como convidadas a Eva Mejuto e Elisabeth Oliveira, que falarán sobre os seus libros ‘A Lavandeira de San Simón’ e ‘Libros e Vivas’”.

Un muro da rúa Castelao como lenzo reivindicativo

O xoves 11 de marzo realizarase nun muro na rúa Castelao un graffiti de 5×2 metros consistente nunha adaptación libre do cartel do 8M (no que están representadas tres xeracións de mulleres) a cargo da artista urbana Sax, unha das veteranas máis representativas do graffiti feminino en Galicia.

Maru Astray amosouse “moi contenta de poder facer o cartel da campaña e utilizar a ilustración e o deseño gráfico para reivindicar o feminismo”, xa que “se trata dun tema moi ligado a min, para unha cidade na que estudei e á que lle teño moito aprezo”. “Eu comecei ‘viñeteando’ para unha plataforma feminista e realmente encántame poder seguir facéndoo”.

No ámbito escolar, realizaranse diversos obradoiros nos centros educativos de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional do concello, que darán comezo o 15 de marzo e finalizarán ao longo dos meses de abril e maio. Yoya Blanco explicou que “en función das idades ás que van dirixidos, os talleres abordarán temáticas variadas como a formación en valores e actitudes de igualdade libres de estereotipos, a prevención da violencia de xénero a través das redes sociais, a identificación das relacións afectivas como procesos de potenciación das capacidades mutuas e non coma fontes de dominio e submisión ou as violencias sexuais”.

Por outra banda, a edil do PSOE avanzou que, no marco do programa do 8M, nos vindeiros días tamén se presentará a iniciativa ‘Mulleres da Vila’, na que a artista Patricia Maquieira logrou implicar nunha proposta audiovisual e fotográfica ás responsables de diversos negocios de Pontevedra.

Dúas Premios Pulitzer

Coincidindo co despregue da pancarta, durante os días 5 e 6 de marzo desenvolverase de xeito telemático o 4º encontro ‘As Mulleres que Opinan son Perigosas’, con 12 ponencias protagonizadas por 16 xornalistas de primeiro nivel, nas que se abordarán novos temas como a ciencia, o fotoxornalismo, o humor, a memoria das mulleres e os podcast como nova linguaxe xornalística. As inscricións para participar neste novo encontro online xa están abertas, aínda non é imprescindible apuntarse, ao poder seguirse os relatorios en directo a  través das páxinas web e as redes sociais do Concello de Pontevedra e da Deputación.

Na aposta por non repetir convidadas de edicións anteriores e sumar novos perfís, este ano destaca a presenza de dúas Premios Pulitzer: Mar Cabra, xornalista de investigación recoñecida polo seu traballo nos Papeis de Panamá e que vai falar do ‘tecnoestrés xornalístico’, e Susana Vera, a primeira fotoxornalista española en acadar o citado galardón. O foro ten tamén entre as súas participantes a dúas das máis prestixiosas mulleres do xornalismo en España: Almudena Ariza, con vinte anos de traxectoria, e Esther Palomera, especializada na análise política. Así mesmo, terá voz a xornalista especializada no mundo musulmán Ebbaba Hameida e participarán tres directoras de medios: María Obelleiro (Nós); María Yáñez (Vinte) e Silvia Carregal (As Nosas).

Estarán tamén as responsables das seccións de Economía dos principais xornais galegos, Mercedes Mora (La Voz de Galicia) e Lara Graña (Faro de Vigo). Asemade, Pampa García Molina falará de ciencia, Henar Álvarez do mundo do humor, Pilar Álvarez (a primeira correspondente de xénero do diario El País) das novas responsabilidades con perspectiva de xénero e María Jesús Espinosa adentrarase no mundo dos podcasts. Do eido local, as xornalistas Belén López (Diario de Pontevedra) e Montse Fajardo afondarán nas temáticas da cultura e a memoria neste eido.

Mercedes Renda incidiu en que, á hora de deseñar o programa deste ano, tivo especial importancia organizar actividades “seguras e responsables dende un punto de vista sanitario, porque o coidado da vida tamén é feminismo”.