Convocada a asamblea en liña para que a veciñanza coñeza a reforma da praza de Barcelos

35
  • A xuntanza terá lugar o vindeiro mércores ás 20h e para participar será necesario inscribirse no formulario da web apuntate.pontevedra.gal
  • O proxecto de reforma implica unha redistribución dos espazos, priorizando as áreas de xogo e zonas deportivas, con máis zonas verdes e a ordenación da circulación perimetral para favorecer a actividade comercial

Tras as asambleas en liña coa veciñanza da rúa da Santiña e da rúa Rosalía de Castro, a vindeira semana continúa a xeira coa veciñanza da área da praza de Barcelos. A convocatoria está dirixida tanto á veciñanza da zona como ás persoas usuarias da praza, nomeadamente pais e nais da rapazada que utiliza o parque infantil, e está fixada para o mércores 3 de marzo ás 20h a través da plataforma zoom. Todas as persoas interesadas en participar deberán inscribirse no formulario da web apuntate.pontevedra.gal e recibirán unha ligazón para poder unirse á xuntanza.

Así, desde a Concellaría de Obras Urbanas, que xestiona Demetrio Gómez, continúase co proceso de participación veciñal para poñer en común os principais aspectos da reforma da praza, adaptando a convocatoria ás limitacións derivadas da situación sanitaria por mor da pandemia. Convén lembrar que a respecto desta intervención, o concelleiro xa mantivera xuntanzas sectoriais a comezos de ano coa Asociación Amizade e cunha representación de comerciantes e empresarios con negocios na contorna da praza.

O proxecto básico de reforma da praza de Barcelos contempla un orzamento para esta intervención de 5.792.987 euros e, a grandes rasgos, implica unha nova distribución tanto dos espazos da praza como da circulación perimetral de cara a favorecer a actividade comercial. As áreas infantís quedarán situadas cara a unha zona máis central da praza e duplícase o espazo dedicado a este uso, establecendo dúas zonas de xogos. Tamén se cambia de ubicación e se incrementa o espazo dedicado a usos deportivos que, ademais das pistas, contemplan mesas para a práctica de tenis de mesa, ao tempo que se incrementan as zonas de sombra e as zonas verdes, coa instalación dunha pérgola central e o redeseño das áreas arboradas.

No relativo a favorecer os usos comerciais dos negocios instalados actualmente no perímetro da praza, redeséñase toda a circulación perimetral da praza, o que implica a ampliación das beirarrúas, sobre todo no borde sur por ser onde se atopan os negocios de hostalería, de cara a propiciar a instalación de terrazas. En canto aos aparcadoiros de servizos, quedarán colocados na beirarrúa oposta á que linda co negocio para interferir o menos posible na súa actividade. En canto ao tráfico, manterase un único carril con entrada desde a rúa Perfecto Feijoo e saída cara a rúa Cobián Roffignac. Manteranse as actuais entradas e saídas do parking soterrado e desaparecerá a circulación desde a rúa Benito Corbal cara a rúa San Antoniño.