Pontevedra e Ministerio avanzan na nova Axenda Urbana

40
  • O alcalde e a subdirectora xeral de Políticas Urbanas acordan estudar a sinatura dun protocolo para ir da man en cuestións relacionadas co crecemento urbano sostible

A primeira hora desta mañá, o alcalde de Pontevedra., Miguel Anxo Fernández Lores mantivo unha xuntanza de traballo, vía telemática, coa subdirectora xeral de Políticas Urbanas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Ángela de la Cruz, e na que tamén participaron a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, o concelleiro de Obras Urbanas e Transportes, Demetrio Gómez, e o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda.

O obxectivo do encontro era coñecer de primeira man as liñas do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana encamiñadas a conseguir os obxectivos marcados pola Axenda 2030 e máis polas axendas urbanas internacionais. Ademais, o alcalde puxo a disposición do Ministerio todo o traballo realizado en Pontevedra a respecto dos parámetros que se contemplan na axenda urbana, con datos que cuantifiquen todo o avanzado en materia de crecemento urbano sostible e calidade de vida.

Así, segundo o acordado na xuntanza, o Goberno municipal enviará ao Goberno estatal un documento no que se recolle tanto o traballo realizado como as previsións a curto prazo en materias relativas á mellora da calidade do aire, estado do ciclo da auga, cohesión social e inclusión social, medio ambiente e residuos urbanos. A partires deste documento, desde o Ministerio elaborarase un protocolo de colaboración entre ambas Administracións para compartir o proceso de cara a acadar os obxectivos contemplados na Axenda 2030 . 

O alcalde tamén lle trasladou á subdirectora de xeral de Políticas Urbanas a súa preocupación porque os criterios de acceso aos fondos públicos non contemplen parámetros que vaian encamiñados a conseguir unha mobilidade sostible integrada que se fundamente na redución de tráficos innecesarios e gañando espazos para as persoas. O alcalde trasladou esta apreciación en referencia ao excesivo peso que se lle está dando á introdución do vehículo eléctrico por entender que o cambio dun tipo de vehículo por outro non resolve realmente os problemas de mobilidade urbana en relación coa recuperación do espazo público.