Desenvolvemento Sostible publicará o primeiro Inventario de Flora do ENIL da Xunqueira de Alba

31
  • O traballo de identificación, herborización e catalogación realizado pola bióloga Saleta González Pimentel recolleu un total de 176 exemplares de 115 especies distintas pertencentes a 53 familias

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural impulsou entre o pasado ano 2020 e o inicio deste 2021 diferentes mostraxes, herborizacións e identificacións de especies vexetais nos hábitats que alberga o Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Xunqueira de Alba. Este traballo de sondaxe e catalogación, realizado pola bióloga Saleta González Pimentel, permitiu recoller 176 exemplares e dará como resultado a publicación do primeiro Inventario de Flora do ENIL da Xunqueira, no que se lle recollen 115 especies distintas pertencentes a 53 familias: 17 de árbores, 14 especies de porte arbustivo, 4 de trepadoras e 80 de herbáceas.

Tal e como explica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, a Xunqueira de Alba “presenta un conxunto de hábitats naturais de transición entre os ambientes terrestre e acuático que lle permiten acoller unha inxente biodiversidade”. O socialista apunta que “aínda que neste contorno natural se teñen realizado diversos estudos de fauna con excelentes resultados en canto a número e variedade de especies presentes (aves, anfibios, libélulas e bolboretas), no caso da flora só se fixeran algunhas aproximacións e identificacións de exemplares, pero nunca un inventario e herborización da mesma”.

Ao seu xeito de entender, as mostraxes recollidas neste traballo “amosan a boa saúde do ENIL da Xunqueira no que atinxe á presenza de especies representativas dos hábitats naturais de interese comunitario e, polo tanto, constitúen exemplos característicos dunha rexión bioxeográfica que require a designación das zonas de especial conservación amparadas na Directiva 92/43/CEE e na Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e Biodiversidade”.

Así, entre as especies de flora destacadas, nas charcas de medios lacustres costeiros como a Charca do Burgo ou a Charca da Xunqueira (incluídas no hábitat Lagoas Costeiras) recolléronse exemplares representativos como a herba lameiriña (callitriche spp.) e as pallas reais (thypha latifolia). Na zona da xunqueira, incluída no hábitat Pasteiros Salinos Atlánticos, identificáronse herbas de namorar (armeria maritima); margaridas típicas de beiramar (halimione tripolium), que teñen as lígulas azuladas; xuncas (juncus maritimus), arbustiños de follas prateadas (halimione portulacoides), e triglochin maritima, estas últimas, especies habituais nas marismas e terreos salinos asolagados pola marea. “Outras especies típicas nesta zona de xunqueira -apunta Saleta González- son o chantaxe de mar (plantago maritima), a herba das andoriñas (spergularia media) e o perexil de mar (crithnum maritimum)”.

Abelaneiras, Freixas, chopos negros, salgueiros e sabugueiros

Segundo constata a bióloga, “na zona de matogueira, abarcada no hábitat Uceiras Secas Europeas, recollimos especies características como a queiruga maior (daboecia cantábrica), a queiruga de cruz (calluna vulgaris), os carrascos (erica cinérea), a carpaza (cistus psilosepalus) e o toxo arnal (ulex europaeus)”, mentres que no bosque de ribeira, incluído no hábitat Bosques Aluviais de Alnus Glutinosa (ameneiro) e Fraxinus Excelsior (freixo), “foron identificadas especies nominativas deste hábitat e outras especies arbóreas como a abelaneira (corylus avellana), a freixa (fraxinus angustifolia), o chopo negro (populus nigra) e o salgueiro (salix atrocinerea). “Dentro deste hábitat -engade González Pimentel- son tamén características especies arbustivas como o sabugueiro (sambucus nigra) e o estripeiro (crataegus monogyna) e exemplares de trepadoras como a hedra (hedera hibernica) ou o chuchamel (lonicera periclimenum). Respecto das herbas, é habitual a presenza de herbas da sarna (angelica sylvestris), os pés de boi (oenanthe crocata), os cáncaros (primula acaulis) ou as estrugas (urtica dioica)”. 

Entre as especies exóticas catalogadas e herborizadas cabe reseñar o nerium oleander, o myoporum laetum e a verbena bonariensis, así como algunhas exóticas invasoras: cotula coronipifolia, tritonia x crocosmiiflora, acacia melanoxylon, eucaliptus globulus, oenothera biennis e phytolacca americana. Iván Puentes tamén subliña a presenza de “dúas especies de orquídeas, a cephalantera longifolia e a serapias lingua, e doutras con usos alimenticios, como a chicoria (cichorium intybus), cuxa raíz, molida e tostada, se emprega como sucedáneo do café”.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible precisa que “tódalas especies herborizadas, identificadas e etiquetadas están depositadas no Herbario LOU do Centro de Investigacións Forestais (CIF) de Lourizán, que dispón dun sistema de almacenamento con humidade e temperatura controlada (e control periódico de pragas), unha base de datos informatizada e un servizo para a consulta e préstamo de pregos por parte do persoal investigador que o solicite”.