O departamento de Promoción da Cidade, que dirixe Anabel Gulías, encargado da xestión do Plan, atendeu nos primeiros 5 días de campaña informativa a 120 familias interesadas.
Tamén recibiu consultas de familias doutros concellos e de entidades sociais para trasladarlle a información aos seus asociados.
A Concellaría de Promoción da Cidade que xestiona Anabel Gulías, encargada da xestión do Plan SUPERA, os fondos municipais para a recuperación económica, valora moi positivamente a acollida que as axudas a ordenadores están a ter entre os veciños e veciñas de Pontevedra no inicio da súa andaina.
Na primeira semana en que se puxo en marcha todo o dispositivo de información previo á convocatoria destas primeiras axudas SUPERA, 120 persoas contactaron co Concello, a través do teléfono móbil habilitado (681 264 835 operativo de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas) e do formulario de información que está cargado na páxina supera.pontevedra.gal
A información foi facilitada dende o departamento de Promoción da Cidade que está a centrar a xestión das axudas, onde confirmaron que a maior parte das persoas contactaron para solicitar información de cando se publica a convocatoria ou os documentos e requisitos que se precisan para optar a elas.
A concellaría de dirixe Anabel Gulías tamén confirmou que se están recibir chamadas noutros departamentos como en Servizos Sociais, e incluso dende outros concellos preguntando se poden optar a estas axudas (non están contabilizadas nas 120), e incluso tamén se puxo en contacto algún organismo de axuda social da cidade interesado en ofrecerlle información aos seus usuarios.
Axudas para a adquisición de ordenadores
As axudas a ordenadores están pensadas para atender unha nova modalidade de ensino que se puxo de manifesto coa pandemia e que obrigou aos centros de educación a buscar alternativas para seguir impartindo clases e, polo tanto, trata de corrixir a fenda dixital en algúns sectores sociais.
O Concello ten reservada unha partida de 400.000 euros para o pago destas axudas, que se podería incrementar no caso de ser necesaria. Os solicitantes poderán ser as familias empadroadas en Pontevedra con cativos e cativas menores de 18 anos e matriculados no curso 2020/2021 en centros de ensino público do concello. Cada familia poderá recibir un máximo de 400 euros por ordenador comprado. Subvencionarase a compra de ordenadores portátiles ou de sobremesa adquiridos entre o 14 de marzo de 2020 e o 31 de decembro de 2021, e o anticipo da axuda será do 100%.
Existirá tamén un criterio económico que terá en conta o número de membros da unidade familiar e a renda da familia, utilizando como elemento ponderador o salario mínimo interprofesional. Bonificaranse as familias monoparentais, as mulleres vítimas de violencia machista e os grandes dependentes.
O Concello convocará nos vindeiros días á Federación de Nais e Pais de Pontevedra para presentarlle o borrador das axudas e facer as últimas incorporacións para sacar esta convocatoria na segunda quincena do mes de marzo.
Oficina SUPERA e axudas ao sector servizos
O departamento de Promoción da Cidade tamén traballa nestes días na habilitación da oficina SUPERA, que estará integrada por un técnico e por dous auxiliares administrativos durante o prazo de 2 anos, todos eles baixo a supervisión do gabinete de Alcaldía.
E tamén, en paralelo, a concellaría que xestiona Anabel Gulías está a traballar na segunda convocatoria das axudas Supera destinada ao sector servizos.
PLAN SUPERA
O Plan Supera é o plan de reactivación económica do Concello de Pontevedra para combater os efectos desta pandemia da Covid. “Trátase de inxectar diñeiro na economía e xerar postos de traballo, investindo en cuestións fundamentais como dar servizos aos cidadáns, mellorar a calidade de vida e a calidade urbana tanto nos núcleos rurais como no centro urbano e dar, en definitiva, máis e mellores servizos” como ten resumido o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.
Estas liñas están recollidas na páxina web supera.pontevedra.gal. Os apartados son “Coidado das persoas” onde se atopan as axudas a ordenadores; o segundo enfocado a apoiar a cultura local e o deporte; o terceiro atinxe á economía local a través da convocatoria Supera21; e o cuarto abrangue os investimentos de futuro.
- Coidado das persoas inclúe a convocatoria de ordenadores, axudas de emerxencia, axudas destinadas á provisión de produtos e bens de primeira necesidade en tempos de Covid-19, renda social, atención a vítimas e violencia machista, e infraestruturas sociais como o Centro Sur ou a reforma do edificio de Santa Clara.
- Apoio á cultura local e ao deporte destinado a promover a programación de eventos e o fomento de actividades na rúa con repercusión no comercio local, tendo en conta a evolución da situación sanitaria. Mantense a liña de traballo iniciada en 2020 na programación de verán e do Nadal ou a xestión de fondos para o deporte local evitando os problemas que están a ter os clubs.
- Apoio á economía local é, fundamentalmente, a convocatoria das axudas Supera21, cuxas bases está previsto que saian publicadas ao longo do mes de marzo. Estas bases están sendo consensuadas con todos os sectores económicos para que acheguen ideas que poidan ser recollidas na nova convocatoria.
- Investir no futuro refírese á inxección de liquidez na obra pública e nos sectores tractores da cidade capaz de redistribuír a riqueza. O obxectivo é mellorar a calidade de vida da veciñanza e xerar unha cantidade importante de postos de traballo grazas ao plan de investimento no que se recolle a dotación de equipamento, melloras de reurbanización e dotación servizos.