O prazo de presentación de propostas para facerse coa concesión das 55 bancadas e 9 casetas baleiras na planta baixa do Mercado de Abastos permanecerá aberto ata o 25 de marzo

27

A Concellería de Promoción Económica e Turismo lembra que todos aqueles particulares e empresas interesados en facerse con algún dos 64 postos baleiros na planta baixa do Mercado de Abastos aínda dispoñen ata o vindeiro 25 de marzo para poder presentar as súas ofertas. Tanto o anuncio da licitación como o prego de condicións técnicas e cláusulas administrativas que rexen o procedemento de concesión demanial (mediante poxa) para a explotación das 55 bancadas e 9 casetas dispoñibles poden atoparse no Perfil do Contratante do Concello de Pontevedra (‘sede.pontevedra.gal’, no apartado Outras Licitacións).
Neste proceso de licitación en marcha sacáronse a concurso, mediante a fórmula de libre concorrencia por poxa, 55 bancadas das 114 existentes no Mercado (hai 59 ocupadas, 15 delas de flores), 52 bancadas de peixe e 3 de froita, así como 6 casetas interiores de carne das 30 casetas interiores que hai e 2 casetas exteriores de confección e 1 de prensa das 19 casetas exteriores que ten a planta baixa das instalacións da rúa Serra (das 49 casetas existentes, 9 saen a poxa e 40 están ocupadas). 

Entre as obrigas que constan no prego de condicións técnicas, establécese que os concesionarios deberán satisfacer as taxas correspondentes melloradas á alza segundo as súas propostas, fixándose o importe destes canons polo prazo total de concesión, que é de 25 anos. As taxas mínimas que se deben ofertar polos licitadores por cada número de posto, en función do seu tipo, serán os seguintes (canon base a 25 anos): bancada de peixe, 3.872,07 euros; bancada de froita, 3.872,02 euros; caseta interior, entre 9.680,16 e 13.552,23 euros, e caseta exterior, 8.131,34 euros. As ofertas que se formulen por debaixo destes mínimos serán rexeitadas e os licitadores excluídos do procedemento.

Tódolos solicitantes que estean propostos para ser beneficiarios das concesións están obrigados a presentar autoliquidación e realizar o pagamento do canon ofertado. Independentemente do pago do canon mínimo, os adxudicatarios deberán satisfacer mensualmente, durante a vixencia da concesión, as taxas de servizo establecidas na ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación de servizos nos mercados municipais, a saber: bancada de peixe, 38,03 euros mensuais; bancada de froita, 40,81 euros; caseta interior, entre 55,86 e 78,20 euros, e caseta exterior, 46,92.

Tamén correrán por conta de cada concesionario os tributos relativos ao exercicio de cada actividade, os que graven a constitución destas concesións, os de formalización pública dos títulos das concesións e demais derivados das propias concesións. Para poder participar neste procedemento, os empresarios interesados deberán acreditar a súa solvencia económica, técnica e profesional.