Desenvolvemento Sostible investirá 1.258 euros diarios na desinfección dos 62 parques infantís de Pontevedra durante os vindeiros catro meses

12
  • A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá unha nova prórroga do servizo de limpeza e esterilización anti Covid-19 das zonas de xogo cunha achega económica de 153.481,87 euros
  • O concelleiro Iván Puentes avanza que o Concello está a desenvolver “un acordo marco que permitirá manter de xeito indefinido a desinfección á que volve obrigar o último decreto da Xunta”

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá unha nova prórroga do contrato que permitirá realizar a desinfección e limpeza diarias dos 62 parques infantís de Pontevedra durante os vindeiros catro meses. A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural destinará unha achega económica de 153.481,87 euros a este cometido, o que se traducirá nun investimento de 1.258 euros ao día para poder cumprir cos requirimentos de esterilización que a Xunta de Galicia esixe dende o pasado verán e que volve reiterar na súa última orde publicada no DOG o pasado xoves.

O edil socialista Iván Puentes avanza que, en paralelo a esta prórroga, o Concello está a tramitar un procedemento de contratación ordinario pola vía dun acordo marco, “o que, rematado este período de 122 días, permitirá manter de xeito indefinido no tempo a desinfección en profundidade á que nos obriga o Goberno autonómico”. En concreto, no punto 3 do apartado sobre Parques e zonas deportivas de uso público ao aire libre, a Orde da Consellería de Sanidade do 25 de febreiro, pola que se establecen as medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19, sublíñase que “deberán aplicarse as medidas de hixiene e prevención establecidas, especialmente no que se refire a proceder diariamente á limpeza e desinfección destes espazos nas áreas de contacto das zonas comúns, tales como xogos das zonas infantís, aparellos de actividade física ou outro mobiliario urbano de uso compartido”. 

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible incide “no enorme esforzo económico que a limpeza e desinfección dos parques infantís está a supoñer para o Concello de Pontevedra”, destinando catro brigadas de dúas persoas cada unha a realizar estes traballos tódalas noites, entre as 00:00 e as 7:00 horas, para deixar os 40 parques infantís do casco urbano, así como os existentes en zonas rurais, nas mellores condicións hixiénico-sanitarias para o seu uso dende primeira hora da mañá. Son sete horas de tarefas de limpeza e desinfección diarias, efectuadas de luns a domingo, que permiten que o noso Concello cumpra ao pé da letra coa estrita normativa imposta pola Xunta. “Sen que a Administración autonómica asuma nin un peso deste gasto extra”, sinala Puentes.

O edil do PSOE tamén indicou que “durante a execución rutinaria destes traballos constatouse a necesidade de realizar un tratamento con máquina sopradora antes da aplicación de desinfectante para que este chegue a tódolos espazos”. Asemade, nestas intervencións tamén se están a detectar pequenas roturas e desperfectos por uso ou por vandalismo, que se están a corrixir a diario para garantir as mellores condicións dos nosos parques infantís.