Comezan os traballos para recolocar o cruceiro de Casas Novas que fora danado nun accidente de tráfico

27
  • O cruceiro, tras ser rehabilitado, estreará nova ubicación para evitar a proximidade coa estrada e garantir a súa conservación 
  • O traslado foi autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio, tras a solicitude cursada polo Concello atendendo a unha petición da Asociación de Veciños 

A Concellaría de Urbanismo e Patrimonio Histórico, que xestiona o concelleiro Xaquín Moreda, vén de dar comezo aos traballos para volver colocar o cruceiro de Casas Novas, na parroquia de Mourente, toda vez que xa acadou a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio para instalalo nunha nova ubicación.

Esta peza patrimonial catalogada fora danada polo impacto dun vehículo en abril de 2017, quebrando o fuste e sendo retirado ante o risco de que o capital se precipitase ao chan. A partires do accidente, ademais da restauración da peza tamén se puxo en riba da mesa, por parte da Asociación de Veciños, a necesidade de colocalo nun lugar máis afastado da estrada, de cara a evitar novos percances e garantir a súa correcta conservación. O Concello iniciara entón os trámites perante a Dirección Xeral de Patrimonio para acadar a autorización pertinente para trasladar o cruceiro de lugar, que finalmente foi concedida pero condicionada a que o cruceiro se manteña na mesma área. Para cumprir este requirimento, un veciño cedeu parte dunha finca particular, situada a uns metros da ubicación orixinal. 

Unha brigada municipal, que está levando a cabo parte destes traballos, vén de retirar a rocha que servía de base ao cruceiro da beirarrúa na que estaba ubicada, deixando o espazo arranxado e creando un itinerario peonil máis accesible e seguro. Nestes momentos, están acondicionando a finca na que se instalará o cruceiro que, á súa vez, está sendo restaurado por parte dunha empresa especializada en traballos arqueolóxicos.

Convén lembrar que a reposición do cruceiro de Casas Novas vén sumarse á rehabilitación do cruceiro do adro da igrexa tamén na parroquia de Mourente, que se levara a cabo no outono de 2019. Neste caso, tamén se recuperara a rasante orixinaria do cruceiro, isto é, os tres chanzos do basamento, xa que o primeiro dos chanzos permanecía enterrado pola capa de asfalto do adro da igrexa. Ademais o Concello solicitara perante a Dirección Xeral de Patrimonio autorización para un pequeno desprazamento na ubicación do cruceiro, pero manténdoo dentro da mesma área. No remate das obras, a veciñanza colocara no interior do basamento unha “capsula do tempo” cun documento no que se recollía o ‘fito’ tanto da recuperación da fisonomía orixinal como do desprazamento.