O marketplace PonteAbastos.com conquista o mercado nacional e amplía oferta con seccións de Floraría, Panadaría, Conservas e Queixería

40
  • A plataforma online impulsada por Promoción Económica e #PonteLovers chega a novos clientes de fóra de Pontevedra, en especial de Madrid, con envíos de peixe, carne e marisco
  • O responsable da web de ‘delivery’ do Mercado de Abastos avanza que “os envíos serán gratuítos dentro do concello” e que “en breve haberá unha sección de Produtos Ecolóxicos”

O marketplace PonteAbastos.com, impulsado polo emprendedor Jorge Eyo en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e a plataforma #PonteLovers para ofertar servizo de ‘delivery’ dos produtos do Mercado de Abastos, está a conquistar clientes alén do concello de Pontevedra. A calidade dos artigos á venda nas instalacións da rúa Serra e a coordinación con provedores loxísticos que permiten entregar mercadorías na outra punta do país en menos de 24 horas, fixeron que, xa dende o pasado Nadal, a web pontevedresa estea a enviar peixes, mariscos e carne a clientes de toda a península, en especial de Madrid, e xa conte cunha opción de envíos a toda España (menos as illas).

Segundo explica Jorge Eyo, “algúns dos clientes aos que lles mandamos os produtos son fillos ou familiares de veciños de Pontevedra que viven fóra e que ata o de agora pagaban demasiados cartos e perdían moito tempo en facer eses envíos a domicilio”. “Aforrámoslles tempo e diñeiro”, subliña o empresario, quen asegura que “nestes meses temos desenvolvido a venda a través do teléfono, tanto por whatsapp como por chamada telefónica (o número de contacto é o 628387963)”. “Nalgúns casos mesmo efectuamos videochamadas para que o propio cliente poida ver exactamente que está mercando. Unha vez mercado e empaquetado, levámosllo a casa e cobramos tanto en efectivo como con tarxeta. Deste xeito, chegamos a máis xente e tratamos de xerar máis confianza co cliente”, sinala Eyo.

A concelleira de Promoción Económica lembra que, dentro da oferta de PonteAbastos, “inclúese a posibilidade de cocer os mariscos, o que ademais de ser moi cómodo para os clientes, xera sinerxías dentro do propio Mercado, ao implicar dentro da plataforma a un dos bares existentes no espazo gastronómico”. Yoya Blanco tamén salienta que o marketplace ampliou a súa lista de servizos “con novas seccións de Floraría, Panadaría, Conservas e Queixería, e en breve disporá dunha Produtos Ecolóxicos de Hortasan”. 

“O obxectivo é seguir traballando para tratar de que máis praceiros se unan progresivamente á plataforma online. Entre outras vantaxes, decidiuse que os gastos de envío sexan gratuítos para os pedidos realizados en Pontevedra, sen pedido mínimo. Os clientes compran o que precisan e PonteAbastos encárgase de levarllo a casa. O Mercado de Abastos a golpe de click”, afirma a concelleira do PSOE.