A primeira fase do futuro centro asistencial de Cáritas en Pontevedra estará rematada no mes de decembro e custará 548.000 euros

57
  • O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, visita as obras en marcha no edificio de Joaquín Costa acompañado polo director de Cáritas, José Anuncio Mouriño, e o arquitecto Mauro Lomba
  • O edil socialista lembra que o convenio de colaboración entre a Administración municipal e a oenegué incrementouse nestes últimos anos de 29.000 a 34.000 euros

A primeira fase do futuro centro asistencial de Cáritas en Pontevedra estará rematada no vindeiro mes de decembro e suporá un investimento de 548.000 euros. Así o indicou esta mañá Mauro Lomba, arquitecto encargado do proxecto, no marco dunha visita do concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, para supervisar o avance das obras de reforma integral do inmoble situado na rúa Joaquín Costa, na que estivo acompañado polo director de Cáritas Diocesana de Santiago, José Anuncio Mouriño, e por outros membros da entidade.

Lomba sinalou que “o futuro albergue, comparado co actual de Monte Porreiro, disporá dunha maior capacidade e dimensión, así como dunha excelente localización”, ademais de usarase “non só como albergue, senón tamén como sede de Proyecto Hombre, como lugar de abrigo e como espazo de descanso, grazas á ampla zona verde coa que conta”. Tal e como subliñou José Anuncio Mouriño, con este proxecto “estamos dignificando ás persoas, aos traballadores, aos voluntarios e a Pontevedra”. “O obxectivo é crear un fogar, non un simple edificio ou unha solución precaria, para as persoas que teñan a vontade de recuperarse a través do centro de formación co que contará”, asegurou o director de Cáritas Interparroquial.

Pola súa banda, o edil socialista Marcos Rey incidiu no compromiso do Concello “coa esencial actividade que Cáritas desenvolve na nosa cidade para garantir teito e un prato de comida ás persoas máis necesitadas”, constatando que “a achega anual destinada ao convenio de colaboración entre a Administración municpal e entidade incrementouse nestes últimos anos de 29.000 a 34.000 euros.”

O futuro centro asistencial de Pontevedra suporá un investimento que rondará o millón de euros, que Cáritas financiará mediante un sistema de ‘crowdfunding’, así como con achegas doutras administracións públicas. O proxecto en marcha transformará o edificio de servizos xerais de Joaquín Costa nun centro de día oficial para as persoas sen fogar, creando 20 habitacións para homes e 6 para mulleres no primeiro andar, e poñendo en marcha un centro de formación como os que a entidade ten en Coruña ou Santiago para que os usuarios acaden un posto de traballo que lles permita vivir dignamente. Nunha segunda fase, está prevista a creación dunhas vivendas de transición para persoas que estean na rúa e queiran rehabilitarse no segundo andar do inmoble.