O Concello abrirá ao longo deste mes o prazo de presentación de solicitudes da liña de subvencións para adquirir ordenadores do Plan Supera 21

556
  • O tenente de alcalde, Tino Fernández, e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, mantiveron hoxe un encontro coas Anpa dos centros educativos para avanzarlles os requisitos das axudas
  • O borrador de bases cos criterios de adxudicación xa está practicamente ultimado, co obxectivo de levalo a Xunta de Goberno Local para a súa aprobación nas vindeiras semanas

Co borrador de bases reguladoras das axudas practicamente ultimado e o obxectivo de que poida levarse a Xunta de Goberno Local nas vindeiras semanas, o Concello de Pontevedra agarda abrir ao longo deste mes o prazo de presentación de solicitudes da liña de subvencións do Plan Supera 21 para a adquisición de equipos informáticos. Así llo transmitiron esta mañá aos representantes das Anpa dos centros educativos da cidade o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, nunha reunión telemática que serviu para explicarlles os requisitos das axudas, destinadas a financiar as compras de ordenadores portátiles e de sobremesa para os alumnos/as de colexios e institutos (menores de 18 anos).

Tal e como lembrou Tino Fernández, esta liña de subvencións está dotada dunha achega económica inicial de 400.000 euros, pero “esta cifra poderá incrementarse en 50.000 euros máis no caso de que haxa lista de agarda, asegurando así que ningunha solicitude que cumpra os requisitos quede fóra”. O edil socialista asegurou que “nun contexto no que os métodos de ensino se están a adaptar á realidade da pandemia e no que se puxo aínda máis de manifesto a existencia dunha fenda dixital que dificulta o ensino igualitario, dada a dificultade de moitas familias para acceder a un ordenador que permita a conexión dos rapaces, “estas axudas buscan minguar esa fenda e impedir que ningún alumno quede atrás”.

Fernández e Gulías aclararon que as subvencións “serán dun máximo de 400 euros por equipo informático e de 2.000 euros por núcleo familiar, sendo a renda per cápita da unidade familiar de convivencia o criterio que servirá para determinar a orde de preferencia das peticións”. Segundo explicaron, poderán beneficiarse destas axudas as unidades familiares de convivencia (conxunto de persoas que residan na mesma vivenda e se atopen vencelladas co/a solicitante por matrimonio ou calquera outra forma de relación análoga de afectividade, por filiación, adopción, acollemento ou tutela legal). Entre os requisitos para acceder ás mesmas inclúense os de que a unidade familiar de convivencia estea empadroada no concello de Pontevedra (o propio servizo xestor da subvención comprobará este requisito); que o solicitante conviva cos alumnos para os que se pide a axuda, e que os rapaces estean matriculados no curso 2020-2021 en Educación Primaria, Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional Básica, Formación Profesional de Grao Medio ou Educación Especial nun centro docente sostido con fondos públicos.

Asemade, a renda da unidade familiar de convivencia non debe superar os seguintes valores: 

MEMBROS DA UNIDADE FAMILIARIMPORTE MÁXIMO ANUAL
215.960,00 €
323.940,00 €
431.920,00 €
539.900,00 €
647.880,00 €
755.860,00 €
863.840,00 €
971.820,00 €
1079.800,00 €

Tino Fernández aclarou que “os ordenadores obxecto de subvención deberán terse mercados despois do 14 de marzo de 2020 e antes do 31 de decembro de 2021”, e que o prazo de presentación de solicitudes “será dun mes dende a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP)”. A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, instou aos responsables das Anpa a ir adiantando a compilación de facturas e os trámites necesarios e informoulles de que xa están habilitados un número de teléfono (681 264 835, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas) e un formulario na páxina web do Plan Supera 21 (pódese acceder á información na pestana Coidar ás Persoas ou a través do enlace https://bit.ly/axudas-ordenador). “Tamén axilizaremos a posta en funcionamento da oficina física para tramitar esta liña de axudas do Supera 21, que é a ferramenta artellada polo Concello de Pontevedra para axudar ás persoas a saír desta crise”, sinalou Anabel Gulías.

A convivencia habitual acreditarase mediante informe dos datos do Padrón de habitantes, que será xestionado directamente polo Concello. No caso de que as persoas solicitantes non autoricen a consulta dos seus datos de empadroamento, deberán de achegar xunto coa solicitude un volante de convivencia expedido pola Administración municipal. A lista das subvencións outorgadas realizarase por orde inversa á contía da renda per cápita da unidade familiar, de menor a maior, ata esgotar o crédito dispoñible para esta convocatoria. No caso de empate na contía da renda, estarase ao número de membros da unidade familiar. De persistir o empate, estarase ao número de descendentes menores de idade.

O cálculo da renda per cápita da unidade familiar

A renda per cápita da unidade familiar é o resultado de dividir a renda da unidade familiar do exercicio 2019 entre o número de membros computables. Sumaranse as rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas. Cando se presentase declaración do IRPF no exercicio fiscal 2019, sumaranse a base impoñible xeral (recadro 435) e a base impoñible do aforro (recadro 460). Cando non se presente declaración, teranse en conta os ingresos de acordo cos datos tributarios facilitados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

No caso de non existir datos dos ingresos da unidade familiar, computarase como mínimo familiar o equivalente ao subsidio básico da Risga (4.840 euros/ano). Tino Fernández afirmou que “as bases fixéronse coa idea de favorecer o acceso a aquelas familias con menos recursos” e aclarou que “naqueles casos nos que a capacidade económica da unidade familiar experimentase unha deterioración significativa en relación ao que consta na declaración do IRPF do ano 2019, as persoas interesadas terán que manifestar esta circunstancia e acreditar a nova situación económica, achegando a documentación que o xustifique correspondente ao trimestre anterior á publicación da convocatoria”.

As solicitudes tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva e a concesión das subvencións realizarase mediante a comparación das solicitudes presentadas a fin de establecer unha prelación entre as mesmas. A solicitudes poderán presentarse de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello de Pontevedra ou nas oficinas habilitadas especialmente para esta finalidade. Tamén poderá presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado que se obterá na sede electrónica do Concello (https://sede.pontevedra.gal/).

Na reunión celebrada esta mañá participaron as Anpa dos colexios de Cabanas, Campolongo, Santo André de Xeve, Álvarez Limeses, Froebel, Vilaverde, Parada-Campañó e Sagrado Corazón de Jesús de Os Praceres, así como dos institutos Luis Seoane, A Xunqueira II e Frei Martín Sarmiento.