As mulleres do Goberno municipal secundan a folga do 8M

28
  • As concelleiras do grupo de Goberno e as mulleres do  gabinete de alcaldía súmanse á convocatoria de folga de 24 horas que promoven diversos colectivos feministas e sindicais con motivo do Día Internacional da Muller
  • O Servizo de Persoal estableceu servizos mínimos para facilitar que todas as traballadoras municipais que o desexen poidan secundar a folga 

O vindeiro luns, con motivo do Día Internacional da Muller, as concelleiras do grupo de Goberno e as mulleres do gabinete de alcaldía secundarán a folga de 24 horas que promoven diversos colectivos feministas e sindicais. Durante a xornada, coa a suspresión de toda a axenda pública e de xestión, as concelleiras prentenden contribuír á visibilización da relevancia do papel da muller en todos os eidos da vida política, social, laboral e privada. 

Desde o Servizo de Persoal tamén se estableceron servizos míninos para facilitar que as traballadoras municipais que decidan secundar a folga e non acudir ao seu posto de traballo o vindeiro luns, poidan facelo.

Convén lembrar que, no ano 2021, as reivindicacións do movemento feminista galego se centran, en gran medida, no retroceso que supuxo a crise sanitaria en materia de igualdade entre homes e mulleres. A grandes rasgos, durante o último ano incrementouse a fenda salarial entre homes e mulleres, incrementáronse as taxas de precariedade e temporalidade nos contratos das mulleres, e aumentou o desemprego feminino. Así mesmo, desapareceu o concepto da conciliación durante o confinamento, as persoas que deixaron o emprego para asumir coidados de crianzas e maiores foron mulleres, e tamén van ser as mulleres as que sufran as consecuencias a longo prazo na xubilación, así como as consecuencias en canto a estrés emocional, saúde mental e baixa da autoestima persoal e social.