A xornalista Susana Pedreira le o manifesto do Concello de Pontevedra polo 8M acompañada pola concelleira de Igualdade, Yoya Blanco

63
  • Lema campaña municipal: ‘Feminismo para cambiar o mundo’
  • Autora: Susana Pedreira Buján

“Protexéndonos do que nos ameaza, escapando do que nos enferma para salvar a nosa vida, quedando na casa, invisibles, abandonando o espazo público, coidando e coidándonos máis do que quixeramos, renunciando a tantas cousas que nos fan felices… Así vivimos todas e todos desde hai un ano por culpa dunha pandemia. Así viven desde sempre moitas mulleres: invisibles, coidadoras, renunciando, protexéndose de ameazas e, demasiadas veces – 1.082 veces desde 2003 – desaparecendo ao ser asasinadas.

A crise da COVID-19 lembrou ao conxunto da sociedade quen desempeña os traballos esenciais para soster a vida. É innegable que o dos coidados é un traballo feminizado e, ademais, maioritariamente sen remuneración algunha, aforrando custes a un sistema que expulsa ás mulleres do ámbito público para relegarnos á invisibilidade do privado. E cando ese traballo é remunerado, realízase en condicións de precariedade. É un dos traballos máis infravalorados tanto social como economicamente, a pesar de que non hai outro tan esencial para a calidade de vida de quen necesita o coidado e para o funcionamento de toda a sociedade, para que nada pare mentres alguén coida no fogar.

O feminismo pide coidar a quen coida, pide corresponsabilidade nese fogar, para que teñamos as mesmas oportunidades fóra del. Asumir de forma maioritaria as responsabilidades de coidado, aboca ás mulleres a empregos máis precarios, peor remunerados e peor valorados.

En 2018 demos un paso adiante, aquela folga que poñía o foco nos coidados e aquelas manifestacións multitudinarias en Pontevedra, en toda Galicia, no Estado e no resto do mundo foron un punto de inflexión. Aquel 8M de hai tres anos foi a imaxe do cambio, a foto viral que ensinou ao mundo a nosa decisión de pasar da indignación á acción. Non esquezamos aquela forza do 2018, somos as mesmas, seguimos aquí e cremos no “Feminismo para cambiar o mundo”.

Porque o feminismo é a cura, unha cura ambiciosa e solidaria que busca
mellorar o mundo non só para quen padece a desigualdade inxusta, senón
tamén para todos os que o habitan. Mesmo para os negacionistas, para eses
que malgastan enerxías querendo desfacer a Lei de Violencia de Xénero hai
pouco máis dunha semana no Congreso, falando dunha suposta ditadura do
pensamento único ou das supostas mentiras do feminismo. Falacias que se
desmontan poñendo nomes e apelidos ás 1.082 mulleres asasinadas pola
auténtica ditadura: a machista e patriarcal.

Mesmo para os negacionistas vai cambiar o mundo o feminismo, para que as súas fillas vivan en fogares corresponsables nos que a carga dos coidados non limite as súas aspiracións profesionais, para que as súas fillas entren nun mercado laboral que fomente as paternidades corresponsables e no que a crianza teña un valor, non só un prezo. O feminismo cambiará o mundo para que os seus fillos teñan referentes femininos en todos os ámbitos e referentes masculinos mellores ca eles. E para que os seus fillos e fillas se sintan libres de ser o que queiran ser, amar a quen queiran amar e formar o tipo de familia que os faga felices nunha sociedade orgullosa da diversidade.

Farémolo, as feministas cambiaremos o mundo. Seguiremos a cambiar o mundo. Podemos facelo porque antes outras xa o cambiaron para nós: estou lendo este manifesto vestida cun pantalón grazas ao feminismo, licenciámonos e graduámonos na universidade grazas ao feminismo, exercemos o dereito ao voto grazas as feministas, temos control sobre a nosa fertilidade e decidimos ser ou non ser nai grazas ás feministas, pedimos préstamos ao noso nome, posuímos propiedades ou testificamos na nosa propia defensa grazas ao feminismo; e podemos denunciar a un acosador, violador, maltratador e que sexa xulgado porque o que fai con nós e cos nosos CORPOS é un delito grazas ao feminismo.

Se alguén cre que con todas estas evidencias, sabendo que o feminismo
cambiou o mundo, imos parar de cambialo, neste 8-M volvemos dicir alto e
claro que non: non imos parar, non imos dar nin un só paso atrás.

Imos seguir sinalando a precariedade laboral para as mulleres agravada
neste último ano co teletraballo, os ERTES e os despedimentos, a fenda
salarial (que se sitúa actualmente nun 21,4%), o cárcere dos coidados, os
teitos de cristal que se volven de cemento armado en tantos sectores, a
violencia que SI ten xénero… imos seguir reivindicando a nosa axenda
feminista: a presenza igualitaria en todos os ámbitos, acadando o 50 % do
poder, a visibilización das achegas das mulleres, a educación en igualdade
como eixo transversal. Imos seguir sinalando o que ten que cambiar, o que
imos cambiar.

E non é unha ameaza é un berro de esperanza: polas que xa non están,
polas que seguimos aquí e polas que virán. Feminismo para cambiar o
mundo.”